[05-10-2018] A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza para os días 10 e 11 de novembro un curso de orientación no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova. A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, ten como obxectivo que os participantes rematen o curso con uns coñecementos básicos en orientación no campo e no manexo de ferramentas como o compás, o altímetro e a cartografía, o que permitirá que gañen seguridade e independencia nas súas saídas á montaña. O curso, que será impartido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), terá un prezo de 55 euros.


A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza para o fin de semana do 10 de novembro un curso de orientación aplicado ao sendeirismo. Ao longo das dúas xornadas, os contidos que se abordarán xirarán arredor da preparación de rutas, a orientación por medios naturais, a navegación básica e a introdución e orientación no uso de instrumentos como o compás, o mapa e o altímetro. Deste xeito, as persoas participantes obterán nocións de declinación magnética, acimut e rumbos, e coñecementos que lles permitirán ler e interpretar de forma correcta un mapa ou utilizar o compás e o sistema de G.P.S .
O curso desenvolverase no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 13:30 horas e de 15:00h a 19:00 horas. O grupo de participantes será de entre 10 e 12 persoas, con preferencia polos membros do propio club. Así, o obxectivo desta actividade, que ten un custo de 55 euros, é o de facilitar ás persoas asistentes a aprendizaxe dun conxunto de técnicas que as preparen para deseñar e realizar as súas saídas á montaña de forma segura e con autonomía.
Tramitación das inscricións
As persoas interesadas en inscribirse ou en obter máis información sobre o curso pódeno facer a través do enderezo de correo electrónico clubrutasapie@gmail.com, do perfil de Facebook da asociación Rutas a Pie ou dos números de teléfono 628 28 79 57. Ao remate do curso, entregarase un certificado acreditativo emitido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), entidade encargada de impartir a formación xunto coa Federación Galega de Montañismo (FGM).
Ruta dos/as socios/as
Por outra banda, o pasado 29 de setembro, a asociación de sendeirismo Rutas a Pie, en colaboración coa Concellaría de Turismo, realizou a Ruta dos/as socios/as, dende Riamonte ata a praia fluvial de Tapia. Nesta actividade participaron 35 persoas, que percorreron a ruta da agua pola beira do regato de Riamonte. A través desta andaina, que tivo unha duración de preto de tres horas, atravesaron varios prados e arboredos, viron diferentes muíños, etc. Os/as participantes tamén pasaron polo alto de San Marcos, dende onde puideron contemplar unha espléndida vista do val da Maía, e ampliaron uns quilómetros máis a esta ruta para chegar ata a praia fluvial de Tapia. A ruta rematou cunha comida na praia fluvial de Tapia.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Organización de salidas con Rutas a Pie de Ames"
Amsgo: "A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza un curso de orientación para os días 10 e 11 de novembro"




