[06-02-2018] O Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova acollerá, os vindeiros 17 e 18 de febreiro, un curso de iniciación ao montañismo en condicións estivais. Organizado pola asociación de sendeirismo Rutas a Pie, o curso desenvolverase ao longo dos dous días, en horario de 09:30h a 19:00 horas. O obxectivo desta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, é facilitar ás persoas interesadas as técnicas básicas de montañismo de maneira que poidan realizar itinerarios sinxelos de maneira segura e autónoma. O prezo por persoa será de 46 euros, existindo un desconto de 6 euros para persoas federadas. O curso será impartido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).

A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza para os días 17 e 18 de febreiro un curso de iniciación ao montañismo en condicións estivais. O obxectivo do cal é o de facilitar ás persoas asistentes a aprendizaxe dun conxunto de técnicas que as preparen para a realización de itinerarios sinxelos por montaña, en terreo non nevado, de forma segura e con autonomía.
Os contidos que se abordarán xirarán, polo tanto, arredor do deseño das rutas, da elección do material, da orientación básica e da prevención de riscos. Desta maneira, ao longo da xornada falarase do equipo específico necesario, das comunicacións, da avaliación de riscos, da importancia da planificación, das técnicas de orientación básicas, do ritmo e do desenvolvemento deste tipo de actividades e das técnicas de progresión segundo o tipo de terreo, así como dos primeiros auxilios básicos e do protocolo de actuación en caso de accidente.
O curso de iniciación ao montañismo desenvolverase a fin de semana do 17 e 18 de febreiro, no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 13:30 horas e de 15:00h a 19:00 horas. O prezo por persoa será de 46 euros, existindo un desconto de 6 euros para persoas federadas. Ao remate do curso, entregarase un certificado acreditativo emitido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), entidade encargada de impartir a formación xunto coa Federación Galega de Montañismo (FGM).
Tramitación das inscricións
As persoas interesadas en inscribirse ou en obter máis información sobre o curso pódeno facer a través do enderezo de correo electrónico clubrutasapie@gmail.com, do perfil de Facebook da asociación, Rutas a Pie, ou dos números de teléfono 628 28 79 57 e 675 68 01 59.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Iniciación al montañismo desde Ames con Rutas a Pie el 17 y el 18 de este mes"




