[31-08-2016] A Asociación Sociocultural de Mulleres de San Xoán de Ortoño, coa colaboración do Concello de Ames, ultima os preparativos da Festa na Honra de Santa Filomena que se celebrará o domingo, 4 de setembro. Misa solemne cantada polo grupo Allegro, xantar popular e unha actuación do dúo Eva e Camilo serán os ingredientes principais desta festa que tivo un gran auxe ate a década dos oitenta e que hai dous anos comezou a recuperar a Asociación de Mulleres de Ortoño. O xantar custa 25 euros e quen queira participar debe chamar ao teléfono 687467704.
Na parroquia de San Xoán de Ortoño hai unha imaxe de Santa Filomena. Está no retablo intermedio da esquerda e data de hai pouco máis dun século, concretamente do ano 1015, aínda que a devoción á Santa remóntase polo menos ao último cuarto do século XIX. Así o recolle o arquivo parroquial onde se atopan referencias manuscritas desde 1870 que recollen a lista dos devotos que a Santa tiña nos distintos lugares da parroquia.
Á Santa Filomena se lle dedicaron grandes festas ate a década dos oitenta. Tiveron sona especialmente ás dos anos corenta e cincuenta, especialmente polas orquestras que acudían á cita festiva, unha das últimas do verán na contorna de Ames. A romaría popular se celebraba sempre o primeiro domingo de setembro.
A Festa deixouse de facer na década dos oitenta e foi a Asociación de Mulleres de Ortoño quen hai dous anos se empeñou en recuperala como día de confraternización veciñal.
A intención é que as familias da parroquia se reúnan no Campo da Festa e celebren un gran xantar popular. Este ano non faltarán os ingredientes típicos: polbo á feira e carne ao caldeiro, ademais de pan, viño, refrescos, sobremesas e chupitos. O dúo Eva e Camilo, veciños de Ortoño, amenizará a sobremesa. O prezo do xantar é de 25 euros e quen o desexe pode apuntarse ate o sábado, día 3 de setembro, chamando ao teléfono 687467704.
Antes do xantar, ás 12:30, a parroquia honrará á Santa Filomena cunha Misa Solemne na que actuará o grupo Allegro, creado tamén na parroquia de Ortoño.




