Pestanas principais

A Asociación de Fútbol Base Compostela e Comarca organiza a “Copa dos Camiños de Compostela” para o mes de xuño

Luns, 19 de febreiro de 2018

[19-02-2018] A “Copa dos Camiños de Compostela” terá lugar no mes de xuño. As fases previas desenvolveranse nos campos de fútbol dos equipos dos Concellos de Santiago, Ames, Teo, Rois, Vedra e A Baña. As finais disputaranse nos estadio composteláns de San Lázaro e Santa Isabel. A Copa, que está organizada pola Asociación de Fútbol Base Compostela e Comarca, contará con tres modalidades de xogo: fútbol 11 masculino, fútbol 11 feminino e fútbol 8. A celebración deste evento deportivo ten como obxectivo visibilizar outras formas de entender o fútbol de base, fomentar as boas relacións entre os clubs e a deportividade dentro do campo.

O Torneo Internacional de Fútbol Base “Copa dos Camiños de Compostela” rexerase en función das normas da FIFA e da Federación Española de Fútbol. Na fase previa, os equipos dividiranse en grupos de 4 ou 5, dependendo das inscricións, enfrontándose uns aos outros nunha soa volta. Na fase final, o primeiro e o segundo de cada grupo clasificaranse para o título, mentres que o terceiro e cuarto de cada grupo xogarán para acadar o “premio de consolación”. A fase final desenvolverase polo sistema de eliminación directa. Por cada partido gañado os equipos obterán 3 puntos, un 1 no caso de empate e 0 se perderen o partido.

A Copa contará con tres modalidades de competición: fútbol 11 masculino, fútbol 11 feminino e fútbol 8. Na primeira, disputaranse as categorías xuvenil, cadete e infantil. Na modalidade de fútbol 11 feminino, as rapazas inscritas competirán nas categorías sénior, cadete e infantil. Por último, a modalidade de fútbol 8 incluirá as categorías prebenxamín, benxamín e alevín. A duración dos partidos variará en función da modalidade. No caso do fútbol 11, cada partido terá dous tempos de 35 minutos, mentres que no de fútbol 8, os partidos serán de dous tempos, de 20 minutos cada un.

As fases previas do Torneo, que se desenvolverá no mes de xuño, terán lugar nos concellos de Santiago, Ames, Teo, Rois, Vedra e A Baña. A final disputarase nos estadios composteláns de San Lázaro e Santa Isabel.

A Asociación de Fútbol Base Compostela e Comarca (AFBSC)
A AFBSC naceu como unha resposta a unha serie de inquietudes presentes en varios clubs de Compostela e a súa contorna, co obxectivo de loitar pola boa saúde do fútbol base. Neste primeiro ano de vida, unha das actividades que a AFBSC vai levar a cabo é precisamente a “Copa Camiños de Santiago”, coa que pretende dar visibilidade a outras formas de entender o fútbol a través das boas relacións entre os clubs e da importancia da deportividade no campo. Neste sentido, o colectivo arbitral será o encargado de puntuar tamén as condutas deportivas dos equipos e clubs participantes.

A Asociación de Fútbol Base Compostela e Comarca está conformada polos equipos Milladoiro SD, Atlético Fátima, Amio SD, Calo SR, CD Rois, Victoria FC, ED Santiago, Villestro SD, SD Compostela, Praiña Sporting Club e Cacheiras SD. O club amesán do Milladoiro SD ostenta a presidencia da asociación.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Clubes de Compostela y comarca lanzan la Copa dos Camiños"