[12-11-2016] A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu concurso fotográfico, en colaboración co Concello de Ames. A temática xira en torno ao propio parque e á visión da empresa actual. Pódese enviar unha imaxe por participante, coa que se adxuntará o título e os seus datos persoais. A data límite de envío é o 20 de novembro e o 22 de decembro darase a coñecer os nomes das persoas gañadoras. Á túa dereita, baixo o apartado de descargas, podes acceder ás bases do certame.
A asociación quere con este certame fotográfico, “fomentar a participación da cidadanía na actividade do parque empresarial do Milladoiro”. Por iso convidan ás persoas amantes da imaxe a achegarse ao parque e retratalo a través das súas lentes. Pódense retratar as instalacións, o ir e vir das persoas que se achegan ás naves, dos produtos etc. Enviarase unha única imaxe por participante ao enderezo certamefotografico@aenovomilladoiro.com, que se acompañará cun título e cos datos persoais do autor ou autora. A asociación estableceu dúas categorías: unha para maiores de 18 anos e outra para menores de idade. As imaxes enviadas pasarán a formar parte do Arquivo fotográfico da asociación de empresarios.
A data límite para enviar as fotografías é o 20 de novembro. A partir do día 28 de novembro poderanse visitar as imaxes na Casa da Cultura do Milladoiro, que a propia asociación de empresarios imprimirá e colocará. As fotografías permanecerán expostas no Casa da Cultura do Milladoiro até o día 22 de decembro. Nesa mesma data terá lugar a gala de entrega de premios, nas que se desvelarán os nomes das tres persoas gañadoras da categoría adulta e as da infantil e xuvenil. Os premios inclúen un vale por 300 euros, 200 euros e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto na categoría adulta e distintos agasallos para os gañadoras da infantil e xuvenil. Todas as persoas gañadoras recibirán ademais un diploma acreditativo.




