[05-09-2017] A Asociación de empresarios, comerciantes e profesionais do Milladoiro, en colaboración co Concello de Ames, está organizando a primeira feira multisectorial que se desenvolverá nesta localidade. A “Mostra Milladoiro” desenvolverase os días 22, 23 e 24 de setembro no pavillón polideportivo, Casa da Cultura e na zona de estacionamento que está ao carón destas instalacións municipais. Haberá eventos para os distintos sectores profesionais, mostras e exposicións, entre as que cómpre destacar a exposición “O Camiño Portugués”. Ademais a Mostra poñerá en valor o traballo dos profesionais do Milladoiro coa creación da primeira edición dos “Premios Empresarios Milladoiro”. O Concello de Ames colaborará cedendo equipamentos e infraestruturas.
Dentro de pouco máis de dúas semana Ames acollerá a primeira “Mostra Milladoiro”. Trátase dunha feira multisectorial que contará de tres sectores expositivos: comercial, empresarial e profesional. Deste xeito, os stand representativos do comercio amesán ocuparán 1.000 metros cadrados no interior do pavillón de deportes; a exposición das empresas do concello estarán baixo carpas e stands no aparcadoiro da Casa da Cultura e ocuparán 180 metros cadrados; e a exposición de negocios profesionais ocupará unha dimensión semellante no mesmo espazo. Ademais, no aparcadoiro da Casa da Cultura, haberá catro áreas de exposición máis que se dedicarán a automóbil novo, automóbil usado, maquinaria e xardinería e flores.
Está previsto que participen 37 establecementos do sector comercial; 9 empresas no sector profesional; e 6 entidades do sector empresarial. Na área de exposición de coches novos exporá a empresa Dimonorte do Milladoiro, mentres que Autos Milladoiro ocuparase de montar a exposición de coches usados. Na área de exposición de maquinaria haberá produtos de catro empresas e na exposición de xardinería e floristería participarán sete empresas de Ames. Ademais, o sector hostaleiro terá unha importante presenza no evento, posto que se confeccionarán trípticos indicativos con mapa e localización onde figuren os establecementos. Estes trípticos entregaranse gratuitamente nos diferentes stands expositivos da Mostra
Exposición sobre o Camiño Portugués
Por outra banda, no vestíbulo da Casa da Cultura montarase a exposición “O Camiño Portugués”, que conta co apoio da Asociación do Camiño, representantes do Albergue de Peregrinos e da parroquia do Milladoiro. Está previsto tamén que se instale un posto para comer o polbo.
Durante os tres días que dura o evento, venres 22, sábado 23 e domingo 24, realizaranse sorteos de agasallos entre os visitantes que fagan compras na Mostra. Os premios serán entregados por diferentes persoeiros de recoñecemento no Milladoiro. Un concurso fotográfico de mascotas, a festa infantil “Volta ao cole” e radio en directo completan a programación prevista para a I Mostra Milladoiro. Este evento ten o obxectivo de reunir aos sectores empresariais, comerciais e profesionais de Ames e a súa contorna, dalos a coñecer e poñelos en valor na bisbarra.
Premios empresarios Milladoiro
Unha das principais actuacións que se recollen dentro deste evento é a creación dos Premios Empresarios Milladoiro, nos que se fará unha distinción a representantes do empresariado que outorgará AEMI no salón de actos da Casa da Cultura. A este acto invitarase a distintos representantes das asociacións do concello, dos diferentes grupos políticos e do tecido comercial e empresarial de Ames.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O Milladoiro acogerá a 52 empresas en la nueva multisectorial con 52 empresas"
Ames Go: "A AEMI organizará a I Mostra do Milladoiro"




