Pestanas principais

A Asociación de Celíacos de Galicia organiza para este sábado un concurso infantil de cociña sen glute no Milladoiro

Mércores, 09 de maio de 2018

[09-05-2018] Este sábado, 12 de maio, o centro comercial Novo Milladoiro acollerá un concurso de cociña sen glute, a partir das 11:00 horas. Dirixido a crianzas entre os 5 e os 14 anos, o concurso avaliará a realización de receitas sinxelas sen uso de lume. A competición incluirá probas individuais e grupais, así como a elaboración dun entrante, dun prato principal e de dúas sobremesas. Para participar será preciso inscribirse a través dos números de teléfono 981 104 467 e 679 461 003 ou do enderezo de correo electrónico info@celiacosgalicia.es. O concurso está organizado pola Asociación de Celíacos de Galicia en colaboración con Mercadona. As crianzas gañadoras recibirán un lote de produtos deste supermercado.


O I Concurso Chef-iñ@s terá lugar este sábado, 12 de maio, no centro comercial Novo Milladoiro. Organizado pola Asociación de Celíacos de Galicia, o concurso conta coa colaboración do grupo de supermercados Mercadona. Esta primeira edición comezará ás 11:00 horas coa realización dun entrante por cada participante. Posteriormente, procederase á execución dunha proba grupal coa elaboración dun prato principal e dunha sobremesa. A última das probas, eliminatoria, consistirá na preparación individual dunha segunda sobremesa. As receitas serán facilitadas pola organización o propio día.

As crianzas serán divididas en tres grupos en función da idade. Cada nena e neno recibirá un pequeno agasallo pola súa participación, que consistirá nunha merendola saudable. Así mesmo, as crianzas que acaden, respectivamente, o primeiro, segundo e terceiro posto no concurso obterán un lote de produtos Mercadona. O xurado estará conformado pola presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia, María Teresa García, pola xerente de Relacións Exteriores de Mercadona en Galicia, Mariña Rivas, e por un representante das monitoras e monitores que acompañarán, ao longo da mañá, ás pequenas e pequenos cociñeiros. Após a entrega de premios, a xornada finalizará cunha xincana de xogos.

Últimas horas para inscribirse
Para participar será preciso inscribirse a través dos números de teléfono 981 104 467 e 679 461 003 ou do enderezo de correo electrónico info@celiacosgalicia.es. O prazo de inscrición pecha este mércores, 9 de maio, ás 23:59 horas. 

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "La Asociación de Celíacos de Galicia organiza un concurso infantil de cocina sin gluten en el Milladoiro"