Pestanas principais

A Asociación da Maia celebra o seu corenta aniversario presentando unha escolma de de fotografías que recollen a intensa actividade cultural da parroquia nas últimas décadas

Luns, 06 de febreiro de 2017

[06-02-2017] O Local Social de Bugallido acolleu na tarde do domingo 5 de febreiro, a festa de aniversario da Asociación A Maia, asociación en torno á que se desenvolve a vida cultural da parroquia desde hai corenta anos. Preto de 200 fotografías que abarcan o período comprendido entre os anos 1976 e 2016, foron recompiladas a través das achegas da veciñanza e proxectadas no acto. As imaxes recollen representacións teatrais, actuacións musicais, festas, clases, excursións e actos que chegaron a converterse en tradición como as representacións de A Paixón, o Belén Vivente ou O Fidalgo. A festa fíxose a instancias da concellería de Cultura e coa colaboración do Concello de Ames. Foi amenizada pola Coral Polifónica de Bugallido e o grupo de acordeóns Arosa Bay. A celebración pretende ademais servir de impulso para revitalizar a Asociación e conseguir que a xente máis nova participe da vida cultural da parroquia.

Os veciños e as veciñas de Bugallido tiveron onte a oportunidade de gozar xuntos das fotos que se gardaban en cada casa. Fixeron ese exercicio de memoria amparados tamén para a amosar ás xeracións novas o que significou e significa a asociación da Maia para a parroquia.

O proxecto está dispoñible nunha páxina de Facebook “Bugallido na memoria 1976-2016”. “A intención da Asociación é que sexa un documento vivo, que permita aos propios veciños e veciñas ir subindo as súas fotografías dixitalizadas”, comenta o concelleiro de cultura que onte foi un veciño máis que gozou de recordarse de neno nas fotos de “Bugalido na memoria”.

“A resposta foi extraordinaria, desde o primeiro momento todos os veciños e veciñas aportaron fotos. Moitos de nós recuperamos imaxes que criamos perdidas; ademais esta é unha oportunidade extraordinaria para ensinarlle aos fillos e aos netos todo o que se facía na parroquia”, comenta Loli Brá, actúal presidenta da Asociación A Maia. Loli amosa tamén a esperanza de que este acto sirva como impulso para revitalizar a Asociación e para conseguir que a xente nova se achegue a facer cousas como acontecía no pasado. Brá engade que no futuro “gustaríanos que todas estas fotos estiveran recollidas nun libro. De momento non é posible polo custo que ten, pero gustaríanos poder facelo para que este traballo non se perdera. Tamén estamos traballando na idea de facer unha exposición co material recollido”.

As fotografías recollen momentos da Paixón e do Belén Vivente, escenas de O Fidalgo, a peza de teatro que se representou durante moitos anos na parroquia, os ensaios e as actuacións da Coral Polifónica que leva o nome do seu fundador, o párroco Antonio Santomil, músico recoñecido e alma mater da Asociación. Tamén están presentes na escolma, as actuacións e as clases de danza e música tradicional que imparte Asociación Cultural os Castros no Local Social, a celebración dos Reis, xantares e excursións, as festas da familia e do San Isidro. Varias xeracións de veciños e veciñas de Bugallido vense reflitidas nesas fotos que ao longo das últimas semanas foron aportando desde cada casa e na que onte se recoñeceu a veciñanza de Bugallido.

Ao acto acudiron o concelleiro de Cultura, David Santomil, a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel Cancela, Ramón Argibay de Pacto x Ames e Quique Costas e Roberto Amarelle de Ames Novo. Todos eles tiveron a oportunidade de compartir cos veciños e veciñas de Bugallido as historias que se agochan detrás das fotografías e que reflicten a intensa actividade que no eido da cultura desenvolveu a Asociación A Maia nunha parroquia, a de Bugallido, que durante moitos anos foi considerada o corazón cultural de Ames.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bugallido recupera su memoria cultural"