Pestanas principais

A Asociación Cultural As Tres Aldeas celebra este sábado 10 a IV Festa dos Muíños

Venres, 09 de setembro de 2022

Este sábado 10 de setembro terá lugar a cuarta edición da Festa dos Muíños da Asociación Cultural As Tres Aldeas, cun programa de actividades que se desenvolverán na praza do lugar de Vilar, na parroquia de Ames. Neste senso, a Concellaría de Cultura colabora no cartel coa actuación da agrupación A Requinta da Maía, que terá lugar ás 18:00 horas como parte da programación “Música nas parroquias”. A xornada incluirá ademais unha visita guiada aos muíños de Riamontes, xantar e xogos populares.

A Asociación Cultural As Tres Aldeas, asentada nos lugares de Pedrouzos, Lamas e Vilar, na parroquia de Ames, vai celebrar esta fin de semana a súa IV Festa dos Muíños das Tres Aldeas, cunha ampla oferta de actividades culturais e gastronómicas que se estenderán ao longo deste sábado 10.

A festa comezará ás 12:15 horas na praza de Vilar, que servirá como lugar de encontro para que deseguido, ás 12:30 horas, arrinque unha visita comentada aos muíños de Riamontes con integrantes da Asociación Trinxidoiro de Teo.

Xa ás 14:00 horas, será o tempo do vermú e da degustación dunha paella de verduras cociñada por integrantes da Asociación, que servirán como entrantes para un xantar popular ás 14:30 horas, no que as persoas asistentes completarán o menú cos seus propios pratos. Neste senso, dende As Tres Aldeas recomendan levar cubertos, pratos e vasos da casa, co fin de continuar coa liña de sostibilidade das actividades.

Unha vez rematado o xantar comezará a Olimpíada rural, ás 16:00 horas, con inscricións in situ nas categorías de lanzamento de alpaca grande e de alpaca pequena (ata 12 anos); carreira de ferrado de millo, debulle de millo e estornela.

Por último, ás 18:00 horas a agrupación A Requinta da Maía porá fin á festa cunha actuación incluída no programa “Música nas parroquias” da Concellaría de Cultura.

“Música nas parroquias”

“Música nas parroquias” é a aposta da Concellaría de Cultura para recuperar as festas das parroquias do concello de Ames. É un programa vivo que inclúe a todos os grupos musicais e agrupacións tradicionais que pasarán polas parroquias amesás nos meses de verán.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Tres Aldeas organiza la Festa dos Muíños en Ames"

A Asociación Cultural As Tres Aldeas celebra este sábado 10 a IV Festa dos Muíños

Multimedia

  • A Asociación Cultural As Tres Aldeas celebra este sábado 10 a IV Festa dos Muíños
  • A Asociación Cultural As Tres Aldeas celebra este sábado 10 a IV Festa dos Muíños