Pestanas principais

A Asociación cultural San Xoanciño honra á Virxe de Lourdes cunha alfombra floral en Pousada

Martes, 28 de agosto de 2018

[28-08-2018] Este domingo, 26 de agosto, o lugar de San Xoanciño de Pousada honrou á Virxe de Lourdes cun conxunto de tres alfombras florais, elaboradas por membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada co apoio da veciñanza de varias lugares da contorna. A capela tamén acolleu as actuacións do Coro Parroquial de Ames e da Asociación Cultural Os Castros, ademais de un concerto de música medieval, a cargo do grupo Manseliña.


Unha tradición recente
A tradición de honrar á Virxe de Lourdes de Pousada cunha alfombra floral comezo fai nove anos, da man de María Xosé Bello, presidenta da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, tras unha viaxe a Celanova, onde hai unha forte tradición de alfombras florais en honor á Virxe da Encarnación. Tras esta visita, María Xosé Bello propúxolles as súas veciñas e veciños facer algo semellante para á Virxe de Lourdes.

Así, dende a asociación apuntan que nestes últimos anos a xente que se achega ata a capela o fin de semana da festa para gozar dos festexos e as alfombras incrementase ano tras ano.


Os encargados de dar comezo aos festexos, ás 13.00 horas, foron os membros do grupo de música medieval Manseliña, que interpretaron sete temas baseados na música tradicional do noroeste da Península Ibérica e en cantigas medievais galegas de Martín Codax, Alfonso X ou Estevao Coelho. De seguido, celebrouse a misa solemne oficiada polo párroco Manuel Blanco, que foi acompañado polo Coro Parroquial de Ames, e a procesión da Virxe de Lourdes sobre a alfombra floral. O punto e final á celebración marcouno a actuación da a Asociación Cultural Os Castros.

En canto ao conxunto de alfombras florais, estivo formado por un longo tapiz principal e unha alfombra en torno ao cruceiro, que xuntos sumaban máis de 60 metros, e dous máis pequenos colocados no soportal da capela e precedendo á alfombra central. Ao igual que en anos anteriores, a composición foi elaborada partindo dun deseño a tamaño real realizado por frai Luís de Oseira. Asemade, entre os materiais utilizados para a súa realización houbo serraduras e labra tinguida, casca de berberecho esnaquizada, varios tipos de flores entre as que destaca a hortensia, e terra para perfilar e tulla.

Os traballos no tapiz comezaron con máis dunha semana de antelación, para a preparación dos materiais que se utilizaron. Ademais, empregouse un día para a elaboración das alfombras no exterior da capela, que contou coa dedicación de máis de 25 persoas. Así, os membros da asociación chegaron á capela ás 7 da mañá do sábado e estiveron traballando nas alfombras, coa axuda de veciños procedentes de todo o concello, ata as 5.30 da madrugada.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A Asociación Cultural San Xoanciño honra á Virxe de Lourdes cunha alfombra floral en Pousada"