[13-12-2012] Un ano máis a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames montou o seu tradicional nacemento na capela de San Xoán de Pousada. O nacemento, que estará exposto ata o 6 de xaneiro, será presentado á veciñanza de Ames nun acto que se celebrará este sábado 15 de decembro, ás 16:30 horas, ao que asistirán diferentes concelleiros/as da corporación municipal e ao que está convidada toda a veciñanza amiense. Este nacemento está composto por figuras de gran antigüidade xa que teñen máis de 100 anos. Neste acto actuarán os grupos das Maianas e de Follas Novas, así como as corais de Piñeiro e Ames. O nacemento poderá visitarse os días 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de decembro e os días 5 e 6 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas.
A capela de San Xoán de Pousada acolle novamente un nacemento de Nadal. A Asociación Cultural San Xoanciño de Ames leva varios anos mantendo esta tradición que antigamente e durante moitos anos realizaron os propios veciños da parroquia. Este sábado, 15 de decembro, realizarase a inauguración oficial deste Belén, que se poderá visitar ata o vindeiro 6 de xaneiro. A este acto asistirán varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal. Ademais, actuarán os grupos das Maianas e de Follas Novas, así como as corais de Piñeiro e Ames. Trala inauguración haberá unha misa que ofrecerá o párroco de San Tomé de Ames, Manuel Canedo Nimo.
As figuras deste nacemento teñen máis de cen anos de antigüidade, e tiveron que ser restauradas hai varios anos para evitar o seu deterioro, malia ter un bo nivel de conservación. Durante o ano permanecen gardadas na propia capela que data do ano 1607. O nacemento ten arredor de 100 figuras. Nunha homenaxe aos lugares da zona, hai unha ponte romana como a de Augapesada, muíños como os de Pousada e o curso do río que se asemella ao Val da Maía.
O Belén poderá visitarse os días 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de decembro e os días 5 e 6 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas. Aquelas persoas que non poidan asistir estes días e queiran ver o nacemento, teñen que chamar ao número de teléfono 649 101 514 para concertar un día e unha hora de visita determinado co fin de que a capela estea aberta.
Dende a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames animan a toda a veciñanza amiense a que pasen pola Capela de San Xoán de Pousada para ver o Belén máis grande e antigo que se organiza no termo municipal de Ames. Ademais, Manuel Seijas, presidente desta asociación explica que “todos os anos se introducen melloras neste nacemento polo que as persoas que xa o visitaron anos atrás teñen que volver para ver os cambios realizados”. Ademais agradecen a colaboración do Concello de Ames por organizar o acto deste sábado a través do cal se pretende dar a coñecer este nacemento a toda a veciñanza amiense.





