Pestanas principais

A Asociación cultural San Xoanciño de Pousada honrou á virxe de Lourdes cunha alfombra floral

Martes, 30 de agosto de 2016

[30-08-2016] O lugar de Pousada, na parroquia de Ames celebrou a festividade da Virxe de Lourdes cunha alfombra floral de case sesenta metros de longo. O tapiz, elaborado polos membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada co apoio da veciñanza de varios lugares da contorna, foi visitado por numeroso público. O Concello colaborou coa actuación de As Maianas. Ate a capela de San Xoanciño achegáronse, entre outros, o alcalde de Ames, José Miñones e o concelleiro de Cultura David Santomil.


O párroco, don Manuel Blanco, oficiou a Misa Solemne na que tamén participou o misioneiro de Ames, don Daniel Villaverde. O coro de Ames cantou na celebración e fora da capela, no adro, diante da alfombra, o fixeron As Maianas, cuxa actuación foi patrocinada polo Concello de Ames quen tamén se encargou da recollida da alfombra.

25 persoas traballaran durante oito días picando tulla e esfolando flores. Veciños e veciñas de todos os lugares da parroquia de Ames, de Ortoño, de Bugallido, de Bertamiráns e de Os Ánxeles levaron as flores. Manolo Rico, inspirado nas ideas de Fray Luis de Oseira, fixeron o deseño e debuxaron o esbozo que este ano incorpora as letras de “Ave María” na parte da alfombra que engalana o adro. Utilizouse trigo, café, flores de hortensia, caraveis, margaridas e serraduras tinxidas. O resultado: unha alfombra de cincuenta e sete metros para honrar á Virxe de Lourdes á que en Pousada de tradición fanlle festa o último domingo de agosto.

Porén non sempre tivo alfombra a Virxe de Lourdes en Pousada. Este é o sétimo ano que os veciños e veciñas de Pousada elaboran este tapiz que parte do adro e da a volta ao cruceiro. A idea foi de María Xosé Bello, presidenta da Asociación Cultural San Xoanciño de Pousada, que tras unha viaxe a Celanova onde teñen a tradición de realizar alfombras á Virxe da Encarnación, propúxolle aos seus veciñas e veciñas facer algo semellante para a Virxe de Lourdes. “A resposta foi extraordinaria -contounos María Xosé- e desde o primeiro anos son moitas as colaboracións coas que contamos e non só da parroquia e do concello, senón tamén doutros lugares da contorna.