[29-08-2015] Unha alfombra floral engalanará o adro da capela de San Xoanciño de Pousada e percorrerá os sesenta metros que separan o cruceiro do campo da festa para honrar á Virxe de Lourdes, cuxa festividade se celebra o domingo, día 31 de agosto, no lugar de Pousada, na parroquia de Ames. A alfombra, elaborada polos membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, poderá visitarse o domingo día 30 pola mañá. O grupo Allegro cantará na misa solemne que se celebrará ás 13:30. Tralos actos relixiosos realizarase a correspondente procesión pola alfombra floral e actuará o grupo de pandereteiras As Maianas.
É o sexto ano que a Asociación Cultural San Xoanciño de Pousada realiza a alfombra floral na honra da Virxe de Lourdes. Máis de vinte persoas levan traballando a reo desde hai unha semana na capela de San Xoanciño: limpando, pasando a papel os bosquexos sobre os que se traballará no chan, tinxindo serraduras e labras, cortando tolla e recollendo e escollendo as flores que van empregar na elaboración da alfombra. Porén, os traballos para a realización da alfombra floral comezaron hai meses e reflicten a colaboración da veciñanza coa iniciativa. Neste senso cómpre salientar o traballo de Manuel Rico que debuxou o bosquexo do adro, mentres que o debuxo do camiño correu a cargo do irmán Luís do Mosteiro de Oseira.
A idea de facer unha alfombra floral na honra da Virxe de Lourdes partiu de María Xosé Bello, presidenta da Asociación Cultural San Xoanciño de Pousada, que tras unha viaxe a Celanova onde teñen a tradición de realizar alfombras á Virxe da Encarnación, propúxolle aos seus veciñas e veciñas facer algo semellante para a Virxe de Lourdes. “A resposta foi extraordinaria -manifesta María Xosé- e desde o primeiro anos son moitas as colaboracións coas que contamos e non só da parroquia e do concello, senón tamén doutros lugares da contorna. María Xosé, no nome da Asociación que preside, quere agradecer o apoio e a colaboración de don Manuel Blanco, o párroco de Ames, de Manuel Seijas e Manuel Picón, da vicepresidenta da Asociación, Ofelia Pérez de todos os veciños e veciñas de Auga Pesada, Caroubáns, Castiñeiro do Lobo, Pegariños e Loureiros, Ames, Os Ánxeles, Bugallido, Ortoño, Bertamiráns e Bastavales que se achegaron ata a capela de San Xoanciño a colaborar coa realización da alfombra.
Tamén a Asociación de San Xoanciño de Pousada agradece ao concello a súa colaboración que personifica nas figuras do alcalde, José Miñones, e dos concelleiros Blas García, de Obras Públicas Urbanismo e Servizos Básicos, Isabel González Cancela, concelleira de Participación e Atención Veciñal e David Santomil, responsable da área de Educación e Cultura. O Concello de Ames colaborou neste evento arranxando a pista que leva á capela, limpando os arredores, concedendo á Asociación unha subvención e patrocinando a actuación de As Maianas.
Dende a Asociación cultural San Xoanciño de Pousada animan a que todos os amienses e a veciñanza da contorna acudan a esta celebración na que poderán ver de primeira man todo o traballo que realizaron os membros desta asociación para elaborar a devandita alfombra floral.




