Pestanas principais

A Asociación cultural San Xoanciño de Pousada honrará á virxe de Lourdes cunha alfombra floral

Venres, 29 de agosto de 2014

[29-08-2014] Os veciños e veciñas do lugar de Pousada, pertencente á parroquia de Ames, celebran este domingo, 31 de agosto, as festas na honra da virxe de Lourdes. Para elo están elaborando unha alfombra floral que irá dende a capela de San Xoanciño de Pousada ata o cruceiro do campo da festa. Para honrar á virxe de Lourdes celebrarase unha misa solemne o domingo, ás 13:00 horas, que estará cantada polo coro parroquial de Ames. Tralos actos relixiosos realizarase a correspondente procesión pola alfombra floral e actuará o grupo de pandereteiras As Maianas.


Os membros da Asociación cultural San Xoanciño de Pousada están preparando para este domingo, 31 de agosto, unha alfombra floral coa que honrarán á virxe do Lourdes. Ao longo desta semana están traballando na recollida e escolla das flores que van empregar na elaboración da alfombra. Posteriormente, o sábado será o día da confección da alfombra que quedará preparada para os actos relixiosos e procesión que se celebran este domingo.

O acto central da celebración ten lugar na capela de San Xoanciño de Pousada onde se oficia unha misa solemne, ás 13:00 horas, que estará cantada polo coro parroquial de Ames. Tralos actos relixiosos realizarase a correspondente procesión pola alfombra floral. Deste xeito, sácanse en procesión as imaxes da virxe de Lourdes, o san Xoán, e o san Xosé dende a capela ata o cruceiro do campo da festa. Unha vez rematada a procesión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas.

A Asociación cultural San Xoanciño de Pousada leva catro anos elaborando unha alfombra floral, que cunha lonxitude aproximada de 50 metros, para honrar a virxe de Lourdes. Este ano como novidade vaise a realizar unha representación da Anunciación na entrada da capela.

Dende a Asociación cultural San Xoanciño de Pousada animan a que todos os amienses e a veciñanza da contorna acudan a esta celebración na que poderán ver de primeira man todo o traballo que realizaron os membros desta asociación para elaborar a devandita alfombra floral.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "San Xoanciño honra a la virgen de Lourdes con 50 metros de alfombra floral"