Pestanas principais

A Asociación Cultural Os Castros lanza un novo curso de iniciación ao folclore para nenos e nenas

Xoves, 08 de xaneiro de 2026

A Asociación Cultural Os Castros organiza neste novo ano 2026 un curso de iniciación á música tradicional dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade. Baixo o lema “O folclore precisa canteira! O futuro son @s nen@s” a asociación cultural de Ames impartirá obradoiros de baile, pandeireta e canto todos os xoves dende xaneiro, de 18.30 a 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Neste curso de iniciación, todos e todas as interesadas en participar recibirán a formación básica en baile tradicional, a pandeireta e, como novidade neste ano, o canto, co obxectivo de manter vivo o gusto pola música e o baile tradicionais entre os nenos e nenas de todo o Concello de Ames. O curso será continuado, sen peche de inscrición para poder participar a calquera altura do ano.

Dende a Asociación Cultural Os Castros animan a mozos e mozas a achegarse este xoves 8 de xaneiro dende as 18.30 ata as 20.30 horas ao local da asociación para probar custo e sen compromiso no mundo da música e do baile tradicionais. O prezo de inscrición do curso é de 10€.

Ante calquera dúbida, as persoas interesadas poden obter máis información no blog da asociación blog.acoscastros.es, no enderezo de correo electrónico correo@oscastros.es ou no número de teléfono 690 96 23 63. Tamén é posible estar informado na conta de Instagram de Os Castros @a.c.oscastros e na de Facebook Asociación Cultural Os Castros. 

A asociación 
Este curso enmárcase dentro da programación cultural deste ano 2026 da Asociación Cultural os Castros, que leva en activo dende principios da década dos anos 90 fomentando o folclore galego entre todas as idades mediante os continuos cursos formativos tanto en baile como en música. 

Neste curso 2025-2026, ademais do curso de iniciación para nenos e nenas, a asociación tamén vén ofertando clases de baile, música, gaita e percusión para todas as idades e en diferentes horarios.

Novas relacionadas

Lindeiros: "A Asociación Cultural Os Castros lanza un curso de iniciación ao folclore"

A Asociación Cultural Os Castros lanza un novo curso de iniciación ao folclore para nenos e nenas