[03-03-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado día 3 de marzo, ás 20:00 horas, o festival de música galega que organiza a Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía. O obxectivo principal é o de dar a coñecer á veciñanza amiense a música popular galega. O acto estará presentado por Xabier Díaz, integrante do grupo Berrogüetto. Neste festival actuarán diversos grupos de música galega das provincias de Pontevedra e A Coruña. Como grupo anfitrión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames, así como os Chapeus de A Estrada, o Ghusto do Boi de Vedra, as Alegres de Pontevedra, os Trazantes de Tenorio de Pontevedra e os Saljariteiros de Marín. Un total de seis grupos que amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.
A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, de Ames, organiza este sábado día 3 de marzo un festival de música galega. Este festival contará coa participación de distintos grupos de música galega da provincia de A Coruña e Pontevedra. Esta asociación naceu no ano 2007 cando se agruparon unha serie de mozas que compartían o seu gusto pola música galega. Despois de formar parte do Obradoiro Municipal de Música e Baile Tradicional do concello amiense durante varios anos decidiron crear esta asociación. Estas rapazas, que formaban un grupo de cantareiras, crearon o grupo As Maianas de Ames para poder desenvolver o seu propio traballo.
Durante os últimos anos teñen realizado actuacións en diversos lugares como Valga, Arteixo, Ames, Lugo e Pontevedra. Un dos obxectivos da organización deste festival é o de dar a coñecer a todos os veciños e veciñas de Ames ao grupo de cantareiras que naceu ao abeiro da Asociación e que se chaman pandereteiras As Maianas de Ames. O lugar escollido para o acto é a Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas.
Neste evento participarán distintas agrupacións musicais, que serán presentadas por Xabier Díaz, integrante do grupo Berrogüetto. Así actuarán no acto de xeito desinteresado os Chapeus de A Estrada, o Ghusto do Boi de Vedra, as Alegres de Pontevedra, os Trazantes de Tenorio de Pontevedra e os Saljariteiros de Marín. Como grupo anfitrión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames. Un total de seis grupos que amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.




