Pestanas principais

A Asociación Cultural Ars Ames ofrecerá un recital didáctico sobre Frédéric Chopin

Xoves, 24 de febreiro de 2011

[24-02-2011] Dez estudantes de música achegarán a obra do xenio polaco Frédéric Chopin á veciñanza de Ames por medio dun recital didáctico sobre o compositor . O público, ademais de gozar coa obra que o polaco compuxo hai máis de 150 anos, aprenderá da man dos músicos máis sobre a vida de Chopin. Esta cita cun dos mellores expoñentes da música clásica terá lugar este venres ás 19:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Este recital está organizado pola Asociación Cultural Ars Ames en colaboración co Concello de Ames.

Este venres, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, a veciñanza de Ames ten unha cita coa música clásica. Dez novos estudantes de música, nove pianistas e un frautista, interpretarán música dun dos máis importantes compositores da historia: Frédéric Chopin (1810-1849). Chopin dedicou case toda a súa obra ao piano, ao instrumento que el amaba. Foi Beethoven, nos finais do século XVIII, quen comezou a descubrir as infinitas posibilidades deste instrumento. A partir de entón a evolución foi imparable e continúa aínda hoxe. Chopin, que estudou cos mellores profesores de composición e contrapunto, negouse a recibir clases de piano. Nunca deixou que lle desviaran do camiño que el mesmo quería descubrir. E así naceu un xenio da interpretación, único e irrepetible.

Con 20 anos marchou de Polonia, da súa querida patria, e nunca máis volveu. Non se sabe se marchou para perfeccionar a súa arte (por algunhas biografías), ou foi por evitar o servizo militar(por outras). Tampouco se sabe, porque non volveu xamais, se tivo tantas oportunidades. O caso é que el foi un patriota ardente e a súa obra está inspirada na música tradicional e popular polaca: mazurcas, polonesas, preludios, nocturnos, fantasías están cheos de cancións que escoitou entre os campesiños, e que el, con gran mestría converteu en páxinas e páxinas de música inesquecible.

Vivía e traballaba en París, onde foi moi aclamado, e sobre todo moi ben pagado como pianista e profesor de piano entre a aristocracia da cidade. Ser alumno de Chopin era un privilexio.

Na súa infancia foi un neno mimado, o centro de atención pola súa delicada saúde. Ese feito marcou a súa vida e personalidade, xa que foi inseguro, distante, perfeccionista e extremadamente autocrítico como persoa, e como profesional. A súa única relación amorosa, coa famosa escritora Aurore Dudevant que escribía baixo pseudónimo George Sand, durou 10 anos. Aurore era a muller ideal para Chopin, maior que el e con moito carácter. Foi como unha nai tenra e enfermeira atenta. Non obstante, a Chopin custáballe traballo dar cariño, era distante e o contacto humano dáballe medo. Pero polo que se ve na súa abundante correspondencia, o amor e namoramentos sempre estiveron presentes na súa vida, pero dunha forma pantasma, rodeándoo simplemente, igual que a morte.

A forma de interpretar a música de Chopin sempre foi un dilema para os pianistas. Como facelo sen que resulte aburrido e repetitivo, ou ao revés, cursi? A fina liña entre bo e mal gusto e fácil de cruzar. Ademais Chopin nunca puxo títulos as súas obras para deixar liberdade á imaxinación. As súas pezas son poemas sen palabras, que a uns lles transmiten dor, a outros felicidade e a outros soidade, todo depende do estado de ánimo que se teña no momento de escoitalas. Por iso a música fai voar a nosa imaxinación e a arte fainos sentir vivos. Por iso estudamos música, pasamos horas traballando, buscamos tempo onde sexa nesa frenética rutina diaria, facémolo para compartir a nosa arte.

Non o esquezades, o venres tedes unha cita coa música clásica. Minia, Elena, Verónica, Xabier, Pablo, Beatriz, Eines, Pedro, Matheo e Martín, futuros médicos, científicos, profesores ou quen sabe, quizais músicos, interpretarán pezas e falarán da vida dun verdadeiro xenio da música.