- Tematica
A Asociación Centro Cultural Mahía presenta este outono Expertas de seu, un ciclo de xornadas culturais que pon no foco o talento, a creatividade e a perspectiva das mulleres galegas que fan da arte e da cultura o seu xeito de estar no mundo. A iniciativa celebrarase os días 23 e 30 de novembro e 14 de decembro, ás 19:00 horas, no centro cultural de Bugallido, con entrada de balde ata completar a capacidade. Nesta actividade colaboran o Concello de Ames e maila Deputación da Coruña.
Ao longo de tres domingos, o público asistente poderá gozar dun encontro único con Elena Ferro, zoqueira e artesá de referencia; Araceli Gonda, recoñecida guionista audiovisual; e Cristina Pato, música, escritora, educadora e produtora de transcendencia internacional. Cada sesión está concibida como un arte-coloquio, unha conversa íntima en formato de vídeo podcast en directo, conducida por destacadas profesionais da cultura galega.
O ciclo combina diálogo e creación, intercalando mostras en vivo do traballo artístico das convidadas: o saber das mans, a palabra escrita, a emoción da música e a forza da poética compartirán un mesmo espazo para explorar que significa crear desde Galicia e desde o feminino. Expertas de seu preséntase así como un foro plural e inspirador que reivindica o valor das mulleres que fan, pensan e proxectan o noso país a través da arte.
Domingo, 23 de novembro – 19:00 horas.
ELENA FERRO, zoqueira (artesanía).
Arte-coloquio conducido por María Gómez.
Domingo, 30 de novembro – 19:00 horas.
ARACELI GONDA, guionista (cinema).
Proxección do filme 18 comidas
Coloquio conducido por Iria Sobrado.
Domingo, 14 de decembro – 19:00 horas.
CRISTINA PATO, música, escritora, educadora e produtora.
Arte-coloquio conducido por Guadi Galego.
Lugar: Centro cultural de Bugallido.
Entrada: de balde ata completar a cabida.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Bugallido, en Ames, cítase co talento de Cristina Pato, Araceli Gonda e Elena Ferro"






