[20-06-2016] A asociación compostelá Centinelas está a colaborar departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames. Cada venres un ou unha representante da asociación achégase ao municipio para traballar con mulleres participantes no programa 100% Muller; unha iniciativa para asesorar laboralmente e a axudar a mulleres en situación de vulnerabilidade a cargo de fillas ou fillos menores de 3 anos.
“Entendemos que a singularidade do colectivo: muller, en risco de exclusión, con fillos ou fillas de curta idade a cargo, monoparentais...e o custo do desprazamento á sede da Asociación Centinelas en Santiago non debería ser un impedimento para participar do programa”, afirma Luísa Feijóo. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade sinala que por este motivo o Concello tomou a decisión de “ceder espazos, para que as usuarias poidan recibir unha atención personalizada dentro do municipio”, e sen que a distancia ou as dificultades económicas ou derivadas da conciliación “sexan un atranco na súa realidade”.
A Asociación Centinelas inclúe entre as súas actividades o programa 100% Muller, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Entre os recursos que ofrecen ás mulleres en risco de exclusión están o servizo de orientación e información sobre recursos singularizados, a atención psicolóxica, a organización de actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade, os servizos de orientación laboral e o acompañamento na busca de emprego.
As principais metas da Asociación Centinelas son “a formación e asesoramento ás mulleres para que poidan vivir e sacar adiante a súa familia en condicións de igualdade”, o favorecemento da inclusión social e a integración laboral de persoas en risco de exclusión. Entre os meses de maio e setembro están a levar a cabo o obradoiro de formación “Bricoemprégate” na súa sede en Compostela.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"El colectivo santiagués Centinelas lleva su programa "100 % Muller" a Milladoiro"




