Pestanas principais

A asociación amesá Rutasapie desprázase a Asturias na súa vindeira viaxe

Venres, 08 de xullo de 2016

[08-07-2016] A asociación amesá Rutasapie prepara unha nova viaxe, esta vez por Asturias. Os días 23, 24 e 25 ofrece ás persoas amantes do sendeirismo e da natureza participar nestas tres rutas: a do desfiladeiro das Xanas, a subida a Pico Ubiña e a Senda do Oso. O prezo para persoas federadas é de 140 euros e de 149 para non federadas. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese chamar aos teléfonos 628287957 ou 675680159 ou enviar un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com.

O prezo de inscrición inclúe o custo de aloxamento no Hotel Santa Cristina. A estancia inclúe ademais os almorzos e as ceas. Como en todas as saídas as comidas faranse na propia ruta, as persoas inscritas poden levar comida da casa ou adquirila facilmente en mercados locais localizados nalgúns dos sendeiros.

O 23 de xullo un autobús sairá do aparcadoiro de Santa Marta, en Santiago de Compostela, ás 6:30 horas. Ás 11:00 horas chegará a Santo Adriano, para o inicio da primeira ruta. O desfiladeiro das Xanas é un canón formado polo arroio do mesmo nome na cara oeste da serra do Aramo. Así noméanse tamén na mitoloxía astur-leonesa ás ninfas ou fadas dos ríos. O percorrido, de 8 km de duración, é lineal e de dificultade baixa, segue unha pista pedregosa paralela ao río, antigo intento de conectar mediante unha estrada ás aldeas de Pedroveya, Rebollada e Dosango.

O segundo día, 24 de xullo, adicarase á ruta de maior dificultade: a subida a pena Ubiña dende Torrebario. É unha ruta de 12 km de longo, circular, que chega até esta cima de 2.417 metros de altura. É esta unha das montañas máis altas da Cordilleira Cantábrica e, xunto con Picos do Fontán, a máis alta do macizo de Ubiña. Esta ruta permite ademais subir ao cumio da irmá menor deste pico: a Ubiña pequena. Ambas son ben coñecidas non só pola fermosura das súas vistas e do entorno, senón pola súa popularidade entre as persoas amantes do montañismo e o sendeirismo. O clima determinará o mesmo día desta saída se se subirá ou non ao segundo cumio.

Para o derradeiro día, e antes de coller o autobús de volta, resérvase a ruta de menor dificultade: a Senda do Oso. Recibe o nome por atoparse nun monte no que habitan tres osas, Molinera, Paca e Tola, e un oso, Furaco. Esta senda, lineal, segue a antiga vía do ferrocarril mineiro que unía Teverga e Quirós. A senda atravesa tres desfiladeiros, sete pontes e máis de 30 túneles ao longo de máis de vinte quilómetros. Pódese facer enteiramente en bicicleta ou escoller andar un tramo. Ás 16:00 horas o autobús recollerá ao grupo para levalo a Santiago de Compostela. Chegarase a cidade en torno ás 22:00 horas.