[02-01-2019] Os alcaldes de Ames, Jose Miñones, e Brión, José Luís García, asinaron un convenio de colaboración para a xestión conxunta da ETAP de Lens que presta servizo a ambos municipios. O obxectivo é regular a porcentaxe de participación de cada concello nos custes de xestión de dita ETAP. O convenio foi aprobado previamente polo Pleno do Concello de Ames na sesión ordinaria do mes de setembro.

A través do convenio asinado polos alcaldes de Ames e Brión búscase regular a porcentaxe de participación de cada Concello nos custes de xestión da ETAP de Lens. Ao Concello de Ames corresponderalle a administración, control da xestión e mantemento da instalación, mentres que nos custos participarán ambas administracións de forma conxunta.
Ademais de determinar a participación no financiamento do servizo, tamén se acordou a constitución dunha comisión de seguimento integrada polos alcaldes de cada municipio ou, no seu defecto, polos concelleiros nos que deleguen, e un técnico municipal de cada un dos Concellos. A función desta equipo, que se reunirá de forma anual, será resolver os posibles problemas de interpretación, modificación ou incumprimento que poidan presentarse, ademais de realizar un seguimento do funcionamento e custes da ETAP, e decidir as actuacións e traballos que sexa necesario levar a cabo nas instalacións para o seu correcto funcionamento. Dito convenio terá unha duración de catro anos dende a súa sinatura podendo prorrogarse de forma expresa por catro anos máis.
Finanzamento
O anteproxecto das obras de abastecemento en Ames e Brión foi aprobado polos plenos de ambos concellos no ano 2008, e no 2016 a Xunta de Galicia entregou a ETAP, formada por instalacións de captación de auga no río Tambre, no lugar de Lens; estación de tratamento de auga potable (ETAP) con capacidade para tratar 175l/s, a cal inclúe un depósito de auga tratada de 7.300 metros cúbicos; tubaxe de impulsión en fundición dúctil entre a ETAP e o depósito da cabeceira; un depósito de cabeceira de auga de 10.000 metros cúbicos; e tubaxes de condución por gravidade entre o depósito de cabeceira e os depósitos existentes en Brión e Castiñeiro do Lobo (Ames).
Deste xeito, ambos Concellos consideran que a utilización conxunta das citadas instalacións esixe a unificación da súa xestión para unha mellor funcionalidade e economía do servizo, como foi acordado en novembro de 2018. Co fin de determinar a participación de cada Concello, diferenciáronse tres períodos distintos, o primeiro dos cales se inicia coa entrega das instalacións da ETAP Ames-Brión, pola Xunta de Galicia, e comprendeu os traballos de posta en marcha e funcionamento da ETAP, iniciados en marzo de 2016. Os gastos deste período incluíron os gastos de vixilancia e instalación de contadores. Ditos custos foron financiados, de forma proporcional, á participación de cada concello na construción da instalación, correspondéndolle ao Concello de Ames un 67% dos gatos e ao Concello de Brión un 33%.
O segundo período iniciase unha vez se finalizaron os traballos de posta en marcha e funcionamento da ETAP, e comprende o total dos gastos do contrato de mantemento, potabilización e custes de electricidade, todos eles sufragados de forma proporcional ao número de metros cúbicos que consumiu cada un dos concellos, segundo a medición realizada nos contadores instalados na tubaxe de abastecemento aos depósitos individuais de cada Concello, na saída da estación de tratamento.
Por último, o período número 3 iniciase coa prestación do servizo en xuño de 2017 pola nova adxudicataria do ciclo integral da auga do Concello de Ames (Espina & Delfín). O prezo por metro cúbico é o recollido na oferta da adxudicataria e será financiado de forma proporcional ao número de metros cúbicos que consume cada concello. Non obstante, todos aqueles gastos distintos aos gastos de mantemento, que non se atopen incluídos no prezo do metro cúbico que resultou da licitación do Ciclo integral da Auga, e que sexa necesario levar a cabo na instalación da ETAP serán financiados de forma proporcional á participación de cada un dos Concellos na construción da instalación, correspondéndolle a Ames un 67% e a Brión o 33%.
Trala reunión, ambos alcaldes mostráronse contentos de acadar este novo acordo, o que lles permite deixar a situación da ETAP solucionada de forma satisfactoria. Asemade, José Miñones, alcalde de Ames, manifestou o seu agradecemento ao Concello de Brión pola boa predisposición na consecución deste novo acordo, que pon fin ao proceso de regularización da xestión da nova ETAP, que presta servizo a ambos Concellos.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames pagará el 67 % del coste de la gestión de la potabilizadora"
Compostela 24 horas: "Ames e Brión firman un convenio de colaboración para a xestión conxunta da ETAP de Lens"
El Correo Gallego: "Ames e Brión asinan un convenio para xestionar a potabilizadora de Lens"




