Pestanas principais

Asínase un convenio con Abanca para o servizo de tesourería e recadación das taxas polos servizos públicos de abastecemento, saneamento, depuración, traslado, tratamento e eliminación de residuos urbanos

Mércores, 26 de abril de 2017

[26-04-2017] Ante a renuncia presentada polo Banco Santander para a execución do contrato do servizo de tesourería e recadación das taxas polos servizos públicos de abastecemento, saneamento, depuración e recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos, o goberno municipal asinou un convenio de colaboración coa entidade Abanca para que se encargue do servizo de tesourería e recadación das taxas polos servizos públicos de abastecemento, saneamento, depuración e lixo.

O pasado mércores, 19 de abril, asinouse un convenio de colaboración entre o Concello de Ames e a entidade bancaria Abanca que ten por obxecto o cobro dos recibos emitidos polo Concello no ámbito da recadación das taxas polos servizos públicos de abastecemento, saneamento, depuración de augas residuais e recollida, traslado, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos.

Búscase coa sinatura deste convenio dar resposta ao sistema que se prevé nos pregos de cláusulas administrativas do Ciclo Integral da Auga, co fin de habilitar un medio de pago para simplificar e facilitar aos cidadáns o pago dos recibos ampliando os procedementos e medios de pagamento, fomentando o uso da domiciliación bancaria, así como o seu pago telemático ou a través de caixeiros automáticos, entre outras canles.

Para iso estableceranse distintos sistemas de cobro nos caixeiros automáticos da entidade, na súa web corporativa a través dunha pasarela de pagos onde se poden utilizar tarxetas de Abanca ou doutras entidades e na banca electrónica e banca móbil. Tamén se poderá realizar o pago nas oficinas de Abanca durante o horario de atención ao público.

Servizo dispoñible os 365 días do ano
Estes servizos estarán dispoñibles as 24 horas os 365 días do ano para todos os clientes de Abanca e doutras entidades que realizarán o pago en efectivo, con cargo en conta e con tarxeta de crédito ou débito a través destas canles. De xeito paralelo o Concello está a contactar con outras entidades para que sexan entes colaboradores no cobro dos recibos.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “despois de dous procesos de licitacións nos que o primeiro quedou deserto e no segundo renunciou o Banco Santander, o goberno negociou coa entidade Abanca este convenio para dar resposta inmediata a unha necesidade urxente que garanta a prestación deste servizo a veciñanza e na que se habilitarán medios que faciliten o pago destes recibos coas máximas garantías”.

Asemade, a concelleira recordou que “se está dando un paso moi importante e vai ser a primeira vez que o Concello de Ames teña unha conta municipal na que se van ingresar os recibos destas taxas e nos que as concesionarias dos servizos van actuar só como entes recadadores e xestores por mandato do Concello”.