Pestanas principais

Asínase o convenio para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro

Xoves, 08 de setembro de 2016

[08-09-2016] Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Ames, José Miñones, asinaron o convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ames para a execución das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. A este acto tamén asistiron a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a directora xeral de recursos económicos do Sergas, Lourdes Vilachán, a xefa territorial da consellería de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez, e mailo xerente da EOXI de Santiago, Luís Verde Remeseiro.


Compromisos recollidos no convenio
No pasado mes de maio a Xunta de Galicia remitiulle un borrador de convenio ao Concello, que foi estudado polos departamentos xurídico, urbanístico e económico. Unha vez estudado, o Concello incluíu varias modificacións sobre o borrador de convenio, incorporando certos apuntes referentes ás taxas e bonificacións fiscais, así como ás datas de construción. Dende entón estableceuse unha canle de comunicación entre ambas administracións co traslado de diferente documentación. Unha dos cambios feitos, que se recolle en dito convenio, foi a modificación da ordenanza do ICIO para favorecer a construción do centro de saúde do Milladoiro. O pasado 28 de xullo o Pleno aprobou por unanimidade unha bonificación do 95% para o pago do ICIO, tal e como permite a lei.

Algúns dos compromisos que se recollen no convenio son que o Concello asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela do centro de saúde das infraestruturas necesarias, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, e a regulación do aparcamento na zona próxima ao centro de saúde. Estas infraestruturas deberán estar realizadas á entrada en funcionamento do centro de saúde.

Por outra banda, o Servizo Galego de Saúde comprométese á iniciación da elaboración, e de ser o caso, á supervisión e á aprobación do proxecto técnico no presente ano 2016, así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos. O proxecto técnico recollerá as conexións de servizos e os accesos preferentemente ao fronte principal da parcela, á rúa Travesía do Porto. Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde procurará licitar as obras de construción nun prazo máximo de 30 días posteriores á obtención das licencias e permisos necesarios por parte do Concello.

Por último, cómpre destacar que este convenio recolle a constitución dunha comisión de seguimento que interprete e asegure o bo fin e cumprimento do obxecto deste convenio así como que resolva as controversias xurdidas como consecuencia da execución deste. A comisión estará formada por dous representantes de cada unha das partes, nomeados polos seus máximos responsables. A comisión reunirase por solicitude dunha das partes asinantes, considerándose constituída se asiste polo menos un dos representantes de cada entidade.

Trala sinatura do convenio o alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “son moitos os anos que Ames leva esperando esta nova infraestrutura e tamén moitos os problemas existentes sobre a parcela elixida e que finalmente será a que albergará este centro de saúde. En todos estes anos as corporacións anteriores e a actual estivemos sempre de acordo na necesidade de levar adiante este proxecto, e por iso hoxe quero compartir con todos eles, e con todos os veciños de Ames, este momento tan importante para o noso Concello”.

Miñones tamén agradeceu á consellería de Sanidade “pola boa disposición que recibimos dende o primeiro momento que nos puxemos en contacto con vós” e tamén aproveitou para pedirlle desculpas aos veciños e veciñas do Milladoiro “pola súa paciencia e por ser capaces de aguantar anos e anos de promesas e escusas”. Por último, o alcalde anunciou que “en canto comecen as obras deste centro de saúde, xa me van a ter na Xunta petando á porta para pedir a ampliación e mellora do centro de saúde de Bertamiráns”.

O rexedor municipal leva mantendo conversas varios meses coa consellería de Sanidade co obxectivo de avanzar na tramitación da construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Estas conversas materializáronse na sinatura deste convenio onde se recollen os compromisos a realizar por ambas administración. Hai que recordar que o pasado 26 de febreiro de 2009 o Concello de Ames cedeu de forma gratuíta en escritura pública ao Servizo Galego de Saúde, a parcela DP2 situada no sector de terreo urbanizable denominado S-15 “Travesía do Porto Sur”, cunha superficie de 5.002 metros destinado á construción dun centro de saúde.

O goberno estivo traballando dende a súa chegada por desbloquear a situación administrativa e xurídica desta parcela de cara a conseguir a construción do demandado centro. Así, no pasado ano 2015 solicitóuselle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informe favorable para a construción da infraestrutura sanitaria, recibindo no mes de febreiro do presente ano o visto bo do ente autonómico. De seguido, o rexedor municipal envioulle un escrito á consellería de Sanidade, axuntando os informes da arquitecta e do asesor xurídico xunto co de Patrimonio solicitando o inicio do procedemento urbanístico.

Paralelamente a estas xestións, o goberno municipal mantivo reunións co propietario maioritario da xunta de compensación, e propietario das tres parcelas que conforman a actual DP2, onde se situará o futuro centro de saúde. Estas xuntanzas deron como resultado a firma dun convenio de cesión o pasado 23 de agosto entre o Concello de Ames e a empresa Montesgal S.L. Nel cédense ao consistorio estas tres parcelas. Dous recursos, presentados pola vía contencioso-administrativa, foron presentados contra o proxecto de compensación e contra o plan parcial do sector S-15. O primeiro foi resolto en xuño de 2016. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fallou a favor do Concello de Ames e desestimaba o recurso. O segundo aínda sigue en curso. A cesión anticipada permite ao consistorio asegurar a viabilidade do proxecto de construción.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, indicou que “a sinatura deste convenio é un momento moi importante porque vamos a executar unha infraestrutura que vai a ter todas as condicións necesarias para a poboación do Milladoiro. A atención primaria é a porta do sistema e o eixe fundamental da asistencia sanitaria. Este centro de saúde contará, ademais das instalacións auxiliares, con 23 despachos para os médicos, enfermeiros/as, farmacia, matrona, educación sanitaria, odontólogo, fisioterapeuta co correspondente ximnasio, toma de mostras, consultas polivalente de técnicas de urxencias de probas, consultas de pediatría, e para os traballadores/as sociais”.

Vázquez Almuiña tamén destacou que o presuposto destinado á construción deste dispensario saberase unha vez estea redactado o proxecto. Aínda así, o conselleiro calcula que o custe deste equipamento pode estar entre os catro e cinco millóns de euros. Asemade, estima que todo o proceso de tramitación e construción pode rondar os dous anos de duración.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Sergas se da hasta dos años de plazo para el centro de salud de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames tendrá que dejar urbanizada la zona del nuevo centro de salud"
La Voz de Galicia: "El Sergas y el Ayuntamiento de Ames cierran el convenio para el centro de salud de Milladoiro"