[11-11-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o convenio para dotar ao campo de fútbol do Milladoiro de bancadas cubertas. En levar a cabo esta actuación, destinarase un orzamento total de 91.536,56 euros.
En virtude deste convenio, construírase unha gradaría cuberta no linde de poñente do campo de fútbol. Ademais, a instalación incorpora un espazo reservado para a cantina e aseos. Coa realización desta obra tamén se aproveitará o desnivel do terreo para incorporar na zona debaixo das gradas un espazo para almacén.
Os materiais empregados nestes traballos serán o formigón armado (para a estrutura, cuberta e gradas) e taboleiros aglomerados para as divisións da construción e os protectores contra o vento dos ocos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceu o compromiso do presidente da Deputación con Ames e destacou a importancia deste investimento, “que permitirá subsanar unha importante carencia desta infraestrutura deportiva, moi demandada polos clubs deportivos e os usuarios/as deste campo desde practicamente o día da súa inauguración”. O rexedor lembrou, ademais, que o campo carece a día de hoxe dunha zona a cuberto para os espectadores, o que dificulta a asistencia de público ao campo nos meses de inverno e nas xornadas caracterizadas polas inclemencias meteorolóxicas.
Melloras no aparcamento
Ademais da colocación das gradas cubertas, o Concello de Ames tamén acometeu traballos de mellora no aparcamento do campo de fútbol, principalmente para mellorar a recollida de pluviais. Deste xeito, nunha primeira fase colocouse media caña de formigón para recoller a auga e nas vindeiras semanas levaranse a cabo as obras necesarias para eliminar as escorrentías que se producen no aparcadoiro. Estas obras consistirán na colocación de tubos de formigón, armado con maiazo de aceiro co obxectivo de solucionar as condicións nas que se atopan o aparcamento.
Contido relacionado
.jpg)
La Voz de Galicia: "Convenio para las gradas del campo de Milladoiro"




