[01-09-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o alcalde de Brión, José Luís García, asinaron o convenio de colaboración para a xestión compartida do obradoiro de emprego Encontro verde. A través deste obradoiro impartíranse os cursos formativos de instalación e mantemento de xardíns, no que participarían 20 persoas, e o curso formativo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, no que participarían 15 persoas. Estes obradoiros, que teñen unha duración de seis meses, constan dunha parte teórica e dunha parte formativa. A través desta iniciativa creáranse 43 novos postos de emprego.
O venres, 31 de agosto, os alcaldes de Ames e Brión asinaron o convenio de colaboración para a xestión compartida do obradoiro de emprego Encontro verde. Previamente, este convenio tivo que ser aprobado en Pleno. En Ames aprobouse no pleno ordinario do mes de agosto celebrado o pasado xoves 30 de agosto. Este punto aprobouse por maioría absoluta cos votos a favor dos once concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular, mentres que os cinco concelleiros/as do grupo socialista e os catro edís nons adscritos abstivéronse. En Brión, o convenio foi aprobado en Pleno por unanimidade de toda a corporación municipal.
Segundo explicou o concelleiro de Promoción Económica e Traballo, Bernardo Moar, este obradoiro de emprego permitirá crear 43 novos empregos a través de dous obradoiros formativos. Un trataría sobre a instalación e mantemento de xardíns, no que participarían 20 persoas, e outro versaría sobre a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, no que participarían 15 persoas. Estes obradoiros, que teñen unha duración de seis meses, constan dunha parte teórica e dunha parte formativa.
O obradoiro de instalación e mantemento de xardíns desenvolverase entre o Centro de Usos Múltiples de Aldea Nova, na que se realizará a parte teórica, e o viveiro de Barouta, no que se levará a cabo a parte práctica. Ademais, este obradoiro permitirá o mantemento dos espazos verdes dos concellos de Ames e Brión. Por outra banda, o curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais desenvolverase no Centro de Usos Múltiples de Aldea Nova, na que tamén se realizará a parte teórica, e no centro de día Máis Vivir, que se atopa en Bertamiráns, no que se desenvolverá a parte práctica.
Unha vez aprobado e asinado este convenio, envióuselle á Consellería de Traballo e Benestar a solicitude da subvención, que ascende a contía de 359.182,71 euros, para poder desenvolver este proxecto. A través desta axuda financiaríase a maior parte do proxecto xa que os Concellos asumirían un investimento de 50.602 euros, dos cales o Concello de Ames achegaría o 83% e o Concello de Brión o 17% restante.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o alcalde de Brión, José Luís García, destacaron que este acordo de colaboración subscrito entre os concellos de Ames e Brión é o primeiro paso de cara a manter futuras colaboración noutros ámbitos da administración local. Os dous alcaldes manifestaron a súa boa disposición para seguir colaborando en prol da veciñanza de Ames e de Brión.
Santiago Amor incidiu en que “existe un gran interese por parte dos dous Concellos en que as persoas desempregadas poidan optar a participar en obradoiro formativos para poder atopar emprego nun futuro próximo”. Nesta mesma liña, José Luís García explicou que esta convenio de colaboración “permite que os veciños de Ames e de Brión poidan formarse e optar a un emprego”.