Pestanas principais

Asínase o convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para participar no programa Vacacións en Paz 2017

Martes, 28 de marzo de 2017

[28-03-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, asinaron un convenio coa presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, para participar no programa de Vacacións en Paz 2017 que promove esta entidade. Neste acto tamén estivo Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación SOGAPS, e o técnico municipal Leonardo Pena. A través deste acordo o Concello de Ames sufragará o billete de avión de ida e volta de seis rapaces e rapazas que pasarán os meses de xullo e agosto con familias de acollida amesás.

O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e volverá a sufragar os billetes de avión (ida e volta) de varios nenos/as saharauís para que poidan pasar os meses de verán con familias amesás. O Concello actúa de mediador entre as familias e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames.

Esta colaboración plasmouse hoxe coa sinatura do convenio asinado por parte do alcalde de Ames, José Miñones, e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, a través do cal o Concello de Ames sufragará este ano o billete de avión de seis rapaces e rapazas que pasarán os meses de xullo e agosto en Ames. Grazas a este acordo o Concello de Ames achega 5.340 euros (890 euros por cada billete de ida e volta).

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “dende o goberno municipal séguese apostando por colaborar coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para desenvolver o programa Vacacións en Paz. Este ano ao igual que en 2016 o Concello de Ames sufraga a viaxe de 6 nenos e nenas que estarán en Ames este verán. En 2015 pagáronse 2 billetes de avión polo que se triplicou o gasto que fai Ames neste eido. A intención deste goberno é seguir nesta liña e de cara aos vindeiros anos queremos manter a colaboración que temos con Sogaps Galicia porque isto permite que varios nenos e nenas do Sáhara poidan convivir con familias do noso municipio”.

Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

A presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, agradeceulle ao Concello de Ames a súa participación neste programa. Ademais, agradeceulle “ao alcalde e ás concelleiras e concelleiros do goebeno municipal, así como ao persoal técnico, con Leonardo Pena sempre disposto a facernos o traballo máis fácil, con familias acolledoras excelentes, pero sobre todo coa nosa compañeira Esther Ybarra, que co seu traballo diario, reunións coas familias, visitas ao Concello, organizando actividades, facendo difusión do programa, está a facer posible que este ano veñan a Ames 6 nenos/as”.