[30-08-2012] Esta mañá o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o representante da empresa Gadisvén SA, Pedro Pajarrón, asinaron o contrato para a instalación de dúas máquinas expendedoras e a explotación do servizo de vending no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Unhas das máquinas conterá bebidas quentes (café, chocolate e infusións), mentres que a outra disporá de bebidas frías (augas, zumes, refrescos e lácteos) e produtos sólidos non perecedoiros (snacks e doces).
O pasado venres 17 de agosto, en Xunta de Goberno Local, acordouse aprobar a adxudicación da instalación de dúas maquinas expendedoras e a explotación do servizo de vending no pavillón polideportivo de Bertamiráns á empresa Gadisvén SA. Agora, unha vez feita a adxudicación definitiva o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o representante da empresa Gadisvén SA, Pedro Pajarrón, asinaron o contrato para a instalación das devanditas máquinas.
Deste xeito, os usuarios/as do pavillón polideportivo de Bertamiráns disporán de bebidas quentes (café, chocolate e infusións), bebidas frías (augas, zumes, refrescos e lácteos) e produtos sólidos non perecedoiros (snacks e doces). Co fin de manter limpas as instalación do pavillón municipal de Bertamiráns a empresa adxudicataria deste servizo colocará xunto a cada máquina un colector con tapa, apertura por pedal e bolsa de lixo, onde o usuario poderá depositar os botes, vasos, etc. xa utilizados.
A concesión deste servizo outórgase por un período de dous anos prorrogables anualmente, por mutuo acordo expreso das partes, sen que a duración total, incluídas as prórrogas, poidan exceder de catro anos. O canon fixo anual que se establece pola colocación de cada unha das máquinas é de 150 euros. Ademais, establécese un canon variable que corresponde ao 25% da recadación de cada máquina. A instalación destas máquinas realizarase nun período aproximado de 15 días.