[23-08-2012] Este xoves pola mañá asinouse o contrato para executar a obra de ampliación do saneamento no lugar de Ponte Loureiros pertencente á parroquia de Covas, unha actuación incluída no POS complementario de 2011. O concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, e o administrador da empresa Martínez Montes Hijos SL, Enrique Martínez, foron os encargados de asinar o devandito contrato. Esta obra, que foi adxudicada á empresa Martínez Montes Hijos SL o pasado venres 17 de agosto en Xunta de Goberno Local, ten un custo de 43.590 euros que é sufragado pola Deputación da Coruña.
O Concello de Ames está ampliando a rede de saneamento por todo o territorio amiense. Desta forma, investiranse 43.590 euros, para levar a cabo o proxecto de ampliación de saneamento no lugar de Ponte Loureiros, pertencente á parroquia de Covas. Hoxe pola mañá asinouse o contrato desta obra que está incluída no Plan de Obras e Servizos complementario de 2011. Previamente, o pasado venres, 17 de agosto, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación da obra á empresa Martínez Montes Hijos SL, que será a encargada de executar o proxecto.
Esta obra contempla a canalización de 896 metros de tubaxe de PVC de distinto diámetro (860 metros de 250 milímetros de diámetro e 36 metros de 160 milímetros de diámetro), para o saneamento cos correspondentes pozos de rexistro e arquetas de saneamento. Haberá que executar 20 pozos de rexistro en calzada. Previamente, realizarase a escavación dunha faixa e, posteriormente, procederase ao recheo compactado desta. Para finalizar, contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras cun semellante ao existente.
No Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial 2011 tamén se incluíron os proxectos de saneamento e abastecemento de auga potable nos lugares de Guimaráns e Tarrío, pertencentes á parroquia de Bugallido, e a pavimentación do camiño que vai da Ponte Maceira a Carballo pasando por Trasmonte.





