Pestanas principais

Asínase o contrato para a execución das obras de mellora da seguridade dos peóns en Biduído de Arriba, ás que se destinarán máis de 52.300 euros

Martes, 19 de febreiro de 2013

[19-02-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co representante da empresa Excavaciones Pose o contrato para a execución das obras que permitirán mellorar a seguridade peonil no lugar de Biduído de Arriba e ás que se destinarán máis de 52.300 euros. Na sinatura estivo presente o concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, e a concelleira de Atención e Mediación Parroquial, María Carmen Verde.

Esta é a terceira parte duns traballos que mellorarán a seguridade dos peóns que circulan por esta zona; as outras dúas partes comprenden o tramo da estrada entre Milladoiro e Ventín, no que os traballos xa comezaron a pasada semana, e entre Ventín e Biduído. Estas obras están incluídas no convenio asinado coa Deputación da Coruña, que permite a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.

Na zona na que se actuará en Biduído de Arriba hai unha vía asfaltada, prevista para a circulación de vehículos en dobre sentido, cun ancho medio de 4,30 metros e limitada por cunetas sen ningún tipo de acondicionamento para uso peonil. A vía soporta unha gran carga de tráfico, xa que comunica como estrada máis curta ós núcleos de Bertamiráns e Milladoiro.

Na actualidade, a vía carece de beirarrúas a ambos marxes da mesma, polo que o acceso dos peóns é moi estreito, co conseguinte perigo que iso supón para as persoas. Os traballos a executar inclúen a colocación na cuneta dun colector de pluviais en PVC, previa colocación dunha capa de area e, sobre esta canalización, executarase unha soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros. Os accesos acondicionados para os peóns levarán no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Asínase o contrato para a execución das obras de mellora da seguridade dos peóns en Biduído de Arriba"