Pestanas principais

Asínase o contrato do servizo de asesoramento e mediación en materia de seguros do Concello de Ames

Martes, 12 de agosto de 2014

[12-08-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o representante da empresa B.V.C. ARTAI Correduría de Seguros SA, acaban de asinar o contrato do servizo de asesoramento e mediación de seguros para o Concello de Ames. O obxectivo é obter asesoramento en materia de seguros coa finalidade de sacar a licitación as diferentes pólizas coas que conta o Concello. Con esta medida, o que se conseguirá é unificar e regularizar os seguros municipais contratados logrando, deste xeito, un importante aforro para as arcas municipais. Outra das finalidades desta medida é actualizar as coberturas, que actualmente estaban desfasadas, e poñer en marcha outras que non se contemplaron ata este momento.


A través desta adxudicación contrátanse os servizos de mediación, asistencia e asesoramento profesional preparatorios para logo proceder á redacción dos pregos para a adxudicación e formalización de contratos de seguros e reaseguros do Concello de Ames, así como a posterior asistencia ao tomador do seguro, ao asegurado e aos beneficiarios.

Estes servizos de asesoramento aplicaranse aos seguintes grupos de risco: patrimoniais e incendios (continente e contido) de todos os bens inmobles e mobles que integran todo o seu patrimonio; riscos derivados de responsabilidade civil en que poida incorrer; riscos persoais referidos a accidente e vida do persoal ao servizo do Concello e do parque móbil municipal.

Este contrato non suporá un custo económico directo para o Concello de Ames, xa que non aboará prezo algún á adxudicataria do mesmo. Dita empresa será retribuída polas/s entidade/s aseguradoras coas que se contraten e formalicen as correspondentes pólizas de seguros, que aboarán como prezo o resultado de aplicar ás primas netas dos seguros a porcentaxe ofertada pola empresa adxudicataria deste contrato.

O contrato coa empresa adxudicataria terá unha duración inicial de dous anos prorrogable expresamente por períodos dun ano, por mutuo acordo das partes, ata un máximo de catro anos (incluído o período inicial e prórrogas).

Licitación pública por primeira vez
Ante a proximidade do vencemento das diferentes pólizas de seguros, o Concello de Ames detectou a necesidade de proceder á licitación pública, e por primeira vez, da contratación destas pólizas que cubran os danos derivados de responsabilidade civil e patrimonial, incendios, accidentes colectivos e da totalidade do parque móbil do Concello.

Co obxectivo de garantir unha redución do custo das primas, obter unha mellora e ampliación nas coberturas de cada unha das pólizas, contar cun asesoramento profesional e obxectivo en todos os trámites que se deriven dos sinistros e de colaborar na súa tramitación, crese que é necesario por parte do Concello a contratación do servizo de mediación e de asesoramento en materia de seguros, que se desenvolverá a través dun axente-mediador ou corredor. Así, a empresa contratada, experta nun sector complexo e altamente especializados, prestará ao Concello asesoramento na redacción dos pregos que se empreguen na selección da empresa aseguradora, propiciando así a obtención da mellor oferta posible.