[18-03-2013] O alcalde de Ames asinou esta mañá os contratos de dúas importantes obras municipais. Un dos proxectos abarca a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria no lugar de Ventín, pertencente á parroquia de Biduído. Estas obras, que serán realizadas pola empresa Oviga, teñen un custo de 19.100 euros. Por outra banda, executaranse as obras que reducirán os efectos das subidas do nivel das augas no Rego dos Pasos en Bertamiráns, máis concretamente na zona próxima á Travesía do Lodeiro e á Avenida da Maía. Nestes traballos, que levará a cabo a empresa Martínez Montes e Hijos, investiranse preto de 21.500 euros. Este luns pola mañá o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, un técnico municipal e o representante da empresa Martínez Montes e Hijos, achegáronse ata o Rego dos Pasos para comprobar o estado do lugar onde se van desenvolver as obras.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras, executará as obras de canalización de pluviais e mellora da seguridade viaria no lugar de Ventín, na parroquia de Biduído. Os traballos, aos que se destinarán máis de 19.100 euros e que realizará a empresa Oviga, permitirán mellorar a seguridade dos peóns que circulen por esta zona. En total, actuarase nun tramo de 400 metros de vía.
As obras que se executarán consisten na colocación na cuneta dun colector de pluviais en PVC, previa colocación dunha capa de area e, sobre esta canalización, executarase unha soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros. Os accesos peonís levarán no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras.
Obras no Rego dos Pasos
Nesta zona, actuarase sobre unha superficie total de 200 metros cadrados co obxectivo de minimizar os efectos que poden causar no entorno, e especialmente nas vivendas próximas, as subidas de nivel do caudal do Rego dos Pasos. Con estas obras dáse resposta a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do ano 2008, no que se condenaba ao Concello a adoptar as medidas correctoras precisas para evitar o desbordamento deste río, que en anos anteriores ocasionara anegamentos nos baixos dos edificios próximos.
As obras consistirán na substitución do pavimento de pedra existente na actualidade e na colocación dun muro que impida o paso da auga. O obxectivo é colocar un muro de maior altura, que permita que a auga quede contida e non desborde. Ademais, o proxecto inclúe a continuación da beirarrúa existente e o cambio do acceso actual á zona para situalo nun nivel superior, creando para isto unha rampla de acceso. Tamén se contempla a ubicación de dous tipos de muros: un que serve de varanda e de peche da zona de actuación e outro a modo de banco.
Os traballos que se levarán a cabo en Ventín e na localidade de Bertamiráns están incluídas no convenio asinado polo Concello de Ames coa Deputación da Coruña, que permite a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.