Pestanas principais

Asínanse os contratos dos proxectos incluídos no POS adicional 2010 por valor de 120.576 euros

Sábado, 28 de maio de 2011

[28-05-2011] Esta semana o alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, asinou os contratos cos representantes das empresas encargadas de executar os dous proxectos que están incluídos no POS complementario 2010. As obras que se financiarán con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial serán a pavimentación da estrada que vai dende o colexio de Ventín ata a estrada de Paramuíño (Biduído) e a pavimentación da estrada que vai de Casanova a Raíces e que limita co concello de Teo en Biduído. Nestes dous proxectos vanse investir un total de 120.576 euros. Estes obras súmanse aos catro proxecto que se sufragaron a través do POS 2010. Se temos en conta os seis proxectos do Plan de Obras e Servizos de 2010 o investimento ascende a 600.000 euros.


O Concello de Ames optou por realizar un reparto de distintas actuacións en diferentes parroquias, incidindo especialmente no acondicionamento e pavimentación de camiños e estradas, tanto na rede sur coma na parte norte do concello. Así mesmo tamén se continuou estendendo a rede de saneamento en lugares da parroquia de Agrón o que dá continuidade a outras actuacións executadas noutros lugares desta parroquia.

A Xunta de Goberno local vén de adxudicar as obras incluídas no Plan de obras e servizos complementario 2010. Trátase da pavimentación da estrada que vai dende o colexio de Ventín ata a estrada de Paramuíño (Biduído), que foi adxudicada á empresa Obras y Viales de Galicia (OVIGA), e a pavimentación da estrada que vai de Casanova a Raíces e que limita co concello de Teo en Biduído, que será executada pola empresa Martínez Montes. Nestes dous proxectos vanse investir un total de 120.576 euros.

No primeiro proxecto, o que se refire á estrada que vai dende o colexio de Ventín ata a estrada de Paramuíño, contémplase a mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente. Antes repararanse as fochancas e aplicarase unha capa de grava e un tratamento asfáltico semiprofundo. Esta obra realizarase en dous tramos diferentes (nun tramo de 200 metros de longo por 10 de ancho e un segundo que ten unha lonxitude de 350 metros por 6 de ancho).

O segundo proxecto, que se refire á estrada que vai de Casanova a Raíces e que limita co concello de Teo en Biduído, recolle a mellora do firme desta estrada nun tramo de 1.050 metros de longo e 5 metros de ancho. A través desta obra vaise mellorar a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente, previa reparación das fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

En ambas as dúas obras antes de rematar realizarase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a sinalización horizontal con pintado de liñas e bordes e eixo, símbolos, pasos de cebra, isletas e colocación de sinais de stop.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames reparará la carretera de Ventín y la que llega a Raíces "
La Voz de Galicia: "Ames destina más de 120.000 euros a asfaltados en Ventín y en el límite municipal con Teo"