Pestanas principais

Asinado o convenio para a ampliación do CEIP Agro do Muíño

Martes, 26 de maio de 2020

O Concello de Ames e a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional veñen de asinar, a través de sinatura dixital, o convenio de colaboración para a ampliación do CEIP Agro do Muíño, que permitirá a dotación de seis novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Contémplase, igualmente, o desenvolvemento de espazos complementarios e de uso común que se definirán no proxecto. O convenio establece a ampliación do centro educativo nun espazo de 4.342 metros cadrados e fixa como data de execución antes do 1 de setembro de 2021, polo que as novas dotacións estarán dispoñibles para o seu uso de cara ao curso 2021/22.

O convenio asinado recolle a posta a disposición da Consellaría de Educación do terreo para a ampliación do CEIP Agro do Muíño, sendo o Concello de Ames o encargado de outorgar as licenzas de edificación necesarias para a ampliación. A administración local procederá, igualmente, á limpeza e desbroce da parcela destinada á ampliación e a completar a urbanización con acceso rodado, pavimentado e dotado de beirarrúas, para garantir a seguridade do alumnado. O mantemento e conservación do centro ampliado tamén corresponderán ao Concello de Ames.

A Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional elaborará, supervisará e aprobará o proxecto básico e de execución para a obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño, ademáis de iniciar a tramitación da contratación do gasto con cargo aos seus orzamentos, así como a tramitación dos correspondentes expedientes de licitación, dirección e execución das obras. Asemade, para a execución e posta en funcionamento da ampliación do centro educativo, a administración autonómica comprométese a solicitar e dispor de todos os títulos habilitantes de natureza urbanística e autorizacións sectoriais que sexan procedentes.

O concelleiro de Educación, David Santomil, sinala que “coa posta a disposición dos terreos para o colexio Agro do Muíño facilitarase a ampliación da dotación educativa no concello de Ames e na área de influencia de Bertamiráns en concreto. Deste xeito, o colexio completará a liña 3 de educación primaria e facilitará a escolarización de novo alumnado. Dende o Concello de Ames solicitamos, así mesmo, que a Xunta de Galicia atenda a proposta da comunidade educativa e o consello escolar de que o proxecto de ampliación do colexio responda ás necesidades con espazos comúns e complementarios ás novas aulas”.

O alcalde de Ames e responsable de Urbanismo, José Miñones, destaca que “coa xestión urbanística realizada imos poder dar cumprimento a outra gran demanda no eido educativo e súmase así ás tramitacións xa realizadas no seu momento para o novo CEIP de Milladoiro ou o IES de Ames”

Tramitación previa
A principios de 2018, a corporación municipal deulle luz verde á aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña) co obxectivo de cederlle o terreo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para poder ampliar o CEIP Agro do Muiño. A través desta modificación, permitiuse unir á parcela onde está situado o colexio cunha superficie de espazos verdes de 4.345 m2 que, unidos ós 10.300 m2 actuais do colexio, dan unha superficie total de 14.645 m2. A actuación garante suficientemente a ampliación da parcela para acometer a ampliación das aulas de educación primaria e a parte proporcional de zonas comúns, quedando aínda un espazo reservado para futuras ampliacións.

No mes de decembro de 2018, o Pleno aprobaba por unanimidade a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño e, a mediados de xullo do ano pasado, unha representación do goberno municipal reuniuse coa conselleira de Educación para acordar a sinatura de convenio para facer efectiva a posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos nos que se acometerá a ampliación.

Esta será a segunda ampliación do CEIP Agro do Muíño, xa que nunha primeira fase construíronse 3 novas aulas que contaron cun orzamento de 342.997,28 euros. En concreto, os traballos consistiron na habilitación de 3 aulas para 25 alumnos de infantil, aseo incorporado á aula, espazos comúns, rampla de acceso, instalación e aseos. O obxectivo desta actuación foi atender o importante aumento de alumnado a escolarizar na etapa de infantil no concello de Ames.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Asinado o convenio para a ampliación do CEIP Agro do Muíño"

Lindeiros: "Avanza a ampliación do CEIP Agro do Muíño en Ames"

El Correo Gallego: "Asinan a ampliación do centro escolar de Ames Agro do Muíño"

agro_do_muíño

Multimedia

  • plano_situación_actual
  • mapa_situación_posterior