Pestanas principais

Asinado o convenio entre Concello e XEA para a volta das tarxetas Merc@mes

Venres, 14 de xaneiro de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado xoves 30 de decembro de 2021 as bases da campaña Merc@mes, que suporá a volta das tarxetas bono para gastar no comercio e na hostalaría locais. Neste senso, o alcalde de Ames, Blas García, e o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López, acompañados da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, asinaron o convenio para a subvención destes bonos, aos que o Concello destinará 80.000 euros (75.000 euros para as tarxetas bono e 5.000 euros para a xestión de ditas tarxetas). Do 15 de xaneiro ao 15 de febreiro os establecementos amesás poderán inscribirse na campaña, mentres que tanto as solicitudes de novas tarxetas como as recargas das xa existentes comezarán o 1 de marzo.

A campaña Merc@mes desenvolverase neste ano 2022 entre o martes 1 de marzo e o sábado 30 de abril, nos que a potencial clientela do tecido comercial e da hostalaría amesá poderá facer uso das súas tarxetas bono. Ás tarxetas en funcionamento durante a anterior edición sumaranse 500 novas, que nesta ocasión terán un valor de 50 euros, cun prezo de 30 euros para a veciñanza.

Todas aquelas persoas que adquiriron unha tarxeta bono na edición de 2021, poderán recargala  por valor de 50 ou 100 euros (só se poderá recargar unha tarxeta se se dispón das dúas), pero non poderán adquirir unha nova da edición de 2022. Terán que usar a tarxeta que xa teñen da edición anterior. Deste xeito, as tarxetas bono da edición anterior poderanse recargar polo mesmo valor que tiñan o ano pasado.

Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportará 30 euros e o Concello de Ames 20, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegarán 60 e o Concello, 40 euros. No caso de posuír ambas, deberase escoller cal das dúas se quere recargar, xa que só se permite unha tarxeta como máximo por persoa. Tanto as novas solicitudes como as recargas das tarxetas-bono xa existentes comezarán a partir do martes 1 de marzo.

Cun investimento duns 75.000 euros para as tarxetas bono, o Concello de Ames aportará o 40% do valor de cada tarxeta-bono, sendo a persoa beneficiaria a que engada o 60% restante. Será a parte aportada polas beneficiarias a que se gaste primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña.

Inscricións de empresas a partir do sábado 15 de xaneiro
Poderán adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. A modo aclaratorio quedan incluídos dentro da campaña as ópticas, as clínicas veterinarias, os psicotécnicos, as clínicas dentais, os establecementos ortopédicos e as parafarmacias.

Os establecementos interesados poderán inscribirse na campaña entre o 15 de xaneiro e o 15 de febreiro. O trámite realizarase a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Para iso hai que acceder á Sede electrónica e na marxe dereita do portal, debaixo dos apartados de Cita previa e Trámites liña, existe unha listaxe de trámites que podes realizar desde a Sede Electrónica. Deste xeito, hai que premer sobre Promoción Económica e despois sobre Tarxetas bono Ames Progresa. Cómpre lembrar que para poder realizar dito trámite hai que dispor de certificado electrónico.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) é a entidade colaboradora do Concello nesta ocasión, mais cómpre sinalar que as outras dúas asociacións empresariais e comerciais amesás, Viorneira Palmira Bulevar e Parque Empresarial Novo Milladoiro, chegaron a un acordo con XEA para que xestione a campaña.

Neste senso, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “empezamos esta nova campaña do plan Ames Progresa coa convocatoria de adhesión para os comercios, nos que grazas a esta colaboración, se puxeron en movemento nas dúas anteriores fases do Merc@mes un total de 430 mil euros. Quero agradecer ás tres asociacións de empresarios que temos no concello por volver un ano máis a colaborar na venda das tarxetas, e por seguir apoiando ao comercio e a hostalaría amesá”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "El convenio entre Concello de Ames y empresarios suma otras 500 tarjetas de compra"

El Correo Gallego: "El Concello ‘recarga’ bonos para un nuevo Merc@mes"

Asinado o convenio entre Concello e XEA para a volta das tarxetas Merc@mes

Multimedia

  • Asinado o convenio entre Concello e XEA para a volta das tarxetas Merc@mes
  • Asinado o convenio entre Concello e XEA para a volta das tarxetas Merc@mes
  • Asinado o convenio entre Concello e XEA para a volta das tarxetas Merc@mes