[05-01-2011] A poboación inmigrante empadroada no Concello de Ames multiplicouse por dez dende o ano 2000. Cunha sociedade cada vez máis diversa e complexa faise necesario loitar por conseguir unha convivencia intercultural en todos os ámbitos da vida. Precisamente con ese obxectivo naceu hai xa máis de tres anos o Servizo de Atención ao Migrante (SAMI). Actualmente este servizo atende de forma directa e personalizada a preto de 1.800 estranxeiros que están empadroados no concello, ademais dos retornados, que tamén son considerados emigrantes. Dende a asesoría xurídica deste servizo atendeuse durante o 2010 a un total de 298 inmigrantes e retornados. Estas persoas realizaron 597 consultas para resolver diversas cuestións. Ademais, a asesora xurídica abriu 173 expedientes novos de 159 inmigrantes que pasaron por primeira vez pola oficina e 14 retornados que acudiron por primeira vez a este servizo.
Ames é un dos concellos de Galicia cun maior número de persoas inmigrantes e retornados. Debido á realidade social do municipio amiense hai xa máis de tres anos o goberno municipal decidiu crear o Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a traballar e vivir na nosa comunidade procedentes doutros países.
Ames sitúase por encima da media galega en porcentaxe de poboación estranxeira ao situarse no 6% da súa poboación total. Deste xeito reflíctese unha realidade social que está en continuo movemento e na que se contempla a diversidade étnica, cultural e lingüística dun novo marco de convivencia. Así, dende o SAMI ofértanse unha serie de servizos e actividades co fin de conseguir unha integración real dos inmigrantes e retornados que residen no Concello. A pesar de que o fenómeno da inmigración está presente en toda Galicia, Ames é un dos poucos municipios que conta cun departamento especializado na atención á diversidade cultural.
O número de estranxeiros que elixiron Ames para establecer a súa residencia aumentou a un ritmo vertixinoso na última década. Dende o ano 2000 esta cifra multiplicouse por dez. Actualmente un total de 1.769 persoas censadas en Ames son poboación estranxeira. Deste total, 701 son persoas procedentes directamente de países estranxeiros mentres que 1.068 son poboación estranxeira procedente doutros concellos de España. Das 1.769 persoas estranxeiras, 528 proceden de países europeos, 1.112 do continente americano, 84 de África, 53 de Asía e 1 é apátrida (aquela persoa que non é recoñecida como nacional por ningún Estado e que carece por elo de nacionalidade).
A maioría dos estranxeiros que residen en Ames proceden de países tan variados como Brasil (347), Portugal (233), Colombia (166), Arxentina (110), Venezuela (106), Italia (80), República Dominicana (68), Uruguai (65), Cuba (65), Romanía (60), China (43), Marrocos (41), Ecuador (34), Perú (32), Paraguai (29), Alemaña (25), Chile (24), Panamá (17), México (17), Rusia (14), Estados Unidos (13) e Angola (12). Das 1.769 persoas estranxeiras, 744 son homes mentres que 1.025 son mulleres.
Consciente desta realidade, o Concello de Ames puxo en marcha en outubro do 2007 o Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a traballar e vivir na nosa comunidade procedentes doutros países. Este departamento traballa en prol de todas esas persoas que chegaron a Ames dende outros países e de aqueles amienses que decidiron retornar a súa terra natal. Dende o SAMI ofértanse unha serie de servizos e actividades co fin de conseguir unha integración real dos inmigrantes e retornados que residen no Concello. A pesar de que o fenómeno da inmigración está presente en toda Galicia, Ames é un dos poucos municipios que conta cun departamento especializado na atención á diversidade cultural.
O Servizo de Atención ao Migrante está dirixido tanto aos emigrantes residentes no exterior que desexan informarse sobre o seu posible retorno a España, como aos emigrantes retornados e inmigrantes, nos cales as dificultades derivadas do feito do retorno súmase a falta de información e asesoramento tanto persoal como profesional para, desta forma, conseguir un asentamento total e efectivo neste país a onde uns regresan despois de moitos anos e outros chegan por primeira vez en busca dunha nova vida.
Asesoría xurídica
Dende a asesoría xurídica deste servizo atendeuse durante o 2010 a un total de 298 inmigrantes e retornados. Estas persoas fixeron 597 consultas para resolver diversas cuestións. Ademais, a asesora xurídica abriu 173 expedientes novos a 159 inmigrantes que pasaron por primeira vez pola oficina e 14 retornados que acudiron por primeira vez a este servizo. Se comparamos estes datos cos do 2009 podemos comprobar que aumentaron o número de persoas tendidas e as consultas realizadas. Durante o 2009 foron 281 persoas as que solicitaron ser atendidas por este servizo. Deste xeito a asesoría xurídica concertou un total de 586 citas. Ademais abríronse 167 expedientes novos de inmigrantes que acudiron por primeira vez a esta oficina e de 20 persoas que retornaron ao termo municipal de Ames.
O SAMI é un servizo específico integrado no departamento de servizos sociais municipais dirixido a proporcionar información, orientación e asesoramento ao migrante, composto por unha asesora xurídica en nacionalidade e estranxeiría e un mediador intercultural, que ten, entre outras, as funcións de informar e asesorar ao español residente no exterior, ao emigrante retornado e o inmigrante. Dende o goberno municipal dáselle moita importancia a este servizo xa que traballa en prol da diversidade cultural. Os gastos de persoal do SAMI son sufragados integramente pola Administración local.
Ademais de ofrecer asesoramento e información, son tamén funcións deste servizo axudar e combater a discriminación deste colectivo, facilitarlles aos emigrantes a consecución dunha situación estable ou propiciar o diálogo intercultural. Por outra banda, este servizo tamén intenta promover no Concello a convivencia baseada nos valores democráticos e de tolerancia que permitan previr todo tipo de condutas racistas e xenófobas. Pero posto que dende o Concello se concibe a integración como un proceso bidireccional, de adaptación mutua que afecta a toda a sociedade, este servizo tamén está dirixido a todos e todas as amienses interesados en coñecer outras culturas e achegarse a elas.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El servicio amiense de atención al emigrante se ocupó de 600 personas de un censo de 1.800"
La Voz de Galicia: "El padrón lo forman 528 europeos y 1.112 originarios de América"




