[27-11-2015] Os encontros terán lugar os sábados 28 de novembro e 12 e 19 de decembro. Os participantes debaterán acerca das súas vivencias na venta de produtos e sobre eventos e circuítos de comercio local. Ao longo das xornadas resaltarase a importancia da produción local, tanto de alimentos como de artesanía, do valor dos vellos oficios sen deixar de lado as novas formas de artesanía ou iniciativas de venda de alimentos, como son os grupos de consumo ou os mercados de alimentos ecolóxicos.
Este sábado, 28 de novembro, dará comezo, no salón de plenos da Casa do Concello, o primeiro encontro ArteSan na Maía. Trátase dunha iniciativa que busca visibilizar o traballo de labregos e artesáns, tanto de Ames como de comarcas próximas ao concello, e de presentar analizar distintas problemáticas que estes produtores atopan á hora de poñer a disposición dos consumidores os seus produtos. Os encontros prolongaranse ao longo de tres xornadas: os sábados 28 de novembro e 12 e 19 de decembro.
Os participantes son pequenos produtores, labregos e artesáns, que levan tempo presentes en circuítos ou eventos regulares de comercio local ou que que queren comezar a comercializar os seus produtos. O encontro ArteSan busca visibilizar a importancia do comercio local, poñer en contacto a estes labregos e artesáns para que compartan as súas experiencias e o seu saber. Espérase que o evento sirva como un espazo de contacto cos consumidores e consumidoras, para que poidan acceder de forma directa a alimentos cultivados na súa contorna e para promover as habilidades e obras das artistas e artistas locais.
Buscarase así mesmo divulgar a importancia dunha alimentación saudable, que incorpore alimentos de tempada cultivados de forma responsable e a venda directa ao consumidor, evitando o transporte a grandes distancias. Dar pulo, así mesmo, a posible creación dun espazo de comercio de proximidade, rescatando espazos públicos para este uso.
O sábado 28, día de apertura dos encontros, as actividades limitaranse á mañá. Presentaranse aos participantes e farase a primeira toma de contacto. Estes coñecerán experiencias realizadas dentro doutros territorios e darán a coñecer os propios. Nesta xornada espérase meditar en torno as problemáticas comúns que vaian xurdindo, reflexionado sobre elas e tratando de aportar posibles solucións.
O sábado 12 centrarase na análise das relacións consumidor-produtor, valorando distintas formas de achegarse aos consumidores, tanto individuais como colectivos, como poden ser os comedores escolares. Por último, o sábado 19 de decembro, recompilaranse as reflexións que fosen xurdindo ao longo destes encontros e ponderarase a posibilidade de celebrar futuros eventos similares.




