Pestanas principais

Arrincan os talleres formativos para persoas desempregadas do programa Vives Emprende

Martes, 12 de abril de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa da posta en marcha do programa Vives Emprende da organización Acción Contra a Fame, cunha serie de talleres formativos en liña e de balde. O obxectivo é ofrecer ás persoas desempregadas unha saída laboral no emprendemento, a través da formación, o asesoramento e o acceso a axudas directas e microcréditos. Neste senso, dende o próximo martes 19 ao xoves 28 de abril desenvolveranse seis talleres de xeito telemático, entre as 10:00 e as 13:00 horas. Para participar, cómpre inscribirse na páxina web vivesemprendeconomiasocial.org.

As persoas desempregadas de Ames poden acceder a partir da próxima semana á oferta formativa da organización Acción Contra a Fame, a través do seu programa Vives Emprende. Este conxunto de talleres, impartidos en liña e de forma gratuíta, pretende ofrecer unha saída laboral a través do emprendemento e da economía social, achegando fórmulas para emprender de xeito colectivo e dar facilidades con asesoramento individual, a propia formación e o acceso a financiamento e a axudas directas.

Deste xeito, o programa formativo busca destacar a creación de empresas e de modelos de negocio de forma colectiva, a través de entidades e fórmulas como as cooperativas, as sociedades laborais ou as empresas de inserción, entre outras. O ciclo de obradoiros tamén porá a súa atención na sostibilidade e na dixitalización como formas de poñer en valor un novo proxecto.

Oferta de seis obradoiros a distancia

O ciclo de talleres formativos desenvolverase na segunda metade de abril, de 10:00 a 13:00 horas a través da plataforma Microsoft Teams. Haberá seis propostas e non será necesario que as persoas participantes sigan todas, podendo optar ás temáticas que máis lles interesen.

O primeiro obradoiro será “Define o produto ou servizo que queres vender”, o martes 19 de abril,e centrarase na proposta de valor e no plan de negocio do novo proxecto. Ao día seguinte, o mércores 20, terá lugar “Competencias para emprender”, enfocado á produtividade persoal. Para pechar a primeira semana, o xoves 21 porase o foco nos “Modelos de negocio sostibles”.

Xa na segunda metade do ciclo, o martes 26 seguirá coa materia de sostibilidade, con “Taller sectorial: Turismo sostible”. O mércores 27 será a quenda da dixitalización, con “Taller sectorial: como montar tendas físicas e tendas online”. Por último, o xoves 28 de abril terá lugar o último taller, “Fórmulas xurídicas de Economía Social”, no que se exporán os diferentes modelos de emprendemento colectivo e os principais trámites das súas constitucións.

Para participar nalgún destes cursos, cómpre inscribirse na páxina web vivesemprendeconomiasocial.org. Para máis información, pódese contactar co número de teléfono 648 102 178.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, indicou que “o Concello de Ames segue apostando pola formación, para que os veciños e as veciñas poidan formar parte do mercado laboral ou mesmo abrir o seu propio negocio”.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Arrancan en Ames los talleres formativos para personas desempleadas"

Arrincan os talleres formativos para persoas desempregadas do programa Vives Emprende

Multimedia

  • Arrincan os talleres formativos para persoas desempregadas do programa Vives Emprende