- Tematica
Ames prepárase para acoller unha nova edición do circuíto Xacobeo Pádel Tour, que se consolida como un dos eventos máis destacados no mundo do pádel galego. A primeira proba deste emocionante circuíto terá lugar nas instalacións de 2máis Squash Santiago, no Milladoiro, do 3 ao 13 de xullo. O circuíto está composto de cinco probas, das cales tres se disputan en Ames. A primeira no Squash Club Santiago no Milladoiro; a segunda nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro; e a quinta nas instalacións de Ames Pádel Center, en Firmistáns.
O hotel Oca Porta do Camiño acolleu a semana pasada o acto de presentación da IV edición do circuíto Xacobeo Pádel Tour, un evento ao que acudiron os alcaldes de Ames e A Estrada, Blas García e Gonzalo Louzao, respectivamente; Valentín García, secretario xeral da Lingua, que acudiu en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Ildefonso de la Campa, director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo; Carlos Agrelo, CEO de BMW Amiocar Novomóvil; Lalo Crespo, director do hotel Oca Porta do Camiño; e Gonzalo Sotelo, director do circuíto. A presentación estivo conducida polo locutor Álvaro Veiga, que, ademais, apadriña esta cuarta edición.
O circuíto Xacobeo Pádel Tour comeza do 3 ao 13 de xullo co Torneo Mercado La Galiciana, primeira proba do circuíto, que se vai a desenvolver nas instalacións de 2máis Squash Santiago. Para esta primeira proba hai máis de 100 parellas rexistradas en diversas categorías, o torneo atraerá tanto a xogadores experimentados como a aqueles que están a dar os seus primeiros pasos neste deporte. As competicións abarcan desde a 1ª unisex, onde participarán destacados xogadores galegos, ata a categoría de iniciación para os principiantes que desexen gozar da súa primeira experiencia coa pa.
O circuíto Xacobeo non só se caracteriza polo seu alto nivel competitivo, senón tamén polo seu ambiente festivo e acolledor que convida a todos a participar, xogar e divertirse. Durante o torneo, os participantes terán a oportunidade de competir por unha variedade de premios. Para dar o peche a este primeiro torneo do circuíto o sábado, 12 de xullo, haberá unha festa de fin de torneo, onde os asistentes poderán gozar de deliciosas degustacións e música, celebrando os logros de todos os xogadores.
Ames acolle tres das cinco probas do circuíto
A segunda proba será o Torneo Concello de Ames, do 16 ao 19 de xullo, no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións de Piñeiro; a terceira será o Torneo Centro Deportivo, que está reservada a xogadores profesionais e celebrarase o 26 de xullo na Pobra do Caramiñal; a cuarta será o Torneo Milongas, que se disputará na Estrada do 25 ao 30 de agosto; e o máster final, será novamente en Ames, neste caso nas instalación do Ames Pádel Center, en Firmistáns, do 8 ao 14 de setembro.
Cada xogador/a participante recibirá un pack de benvida con bolsa e camiseta de xogo, descontos promocionais, unha botella de Red Bull e un libro en galego achegado pola Consellería de Cultura. Os rexistrados con Carné Xove poderán beneficiarse dun 10 % de desconto nas inscricións.
Novas relacionadas:
Bisbarra: "O IV Circuíto Xacobeo Pádel Tour comeza mañá coa primeira proba no Squash Club"









