[27-07-2017] Os cursos de natación e piragüismo, que anualmente organiza o Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, están a contar este ano coa participación de preto de 100 rapazas e rapaces. Así, durante este mes de xullo, hai 64 participantes inscritos nos cursos de natación que se imparten nas piscinas municipais do Milladoiro e Bertamiráns e 30 no curso de iniciación ao piragüismo, que se está a desenvolver na praia fluvial de Tapia.
Os cursos de natación están pensados para que as nenas e nenos amesás gocen da auga, ao tempo que aprender a nadar ou a perfeccionar diferentes técnicas características deste deporte. De igual maneira, estes cursos tamén están orientados a ocupar o tempo de lecer das nenas e nenos durante as vacacións de verán. Neste ano, 24 rapazas e rapaces inscribíronse no curso de natación impartido en Bertamiráns e 40 no que se imparte no Milladoiro. Durante o mes de agosto, haberá unha segunda quenda de participantes.
Divididos en grupos, as nenas e nenos teñen estas aulas de natación en diferentes horarios segundo as súas idades. Ás 11:15h, as primeiras e primeiros en mergullarse na auga son os maiores de 10 anos; ás 12:00 horas é a quenda das nenas e nenos que se atopan entre os 8 e os 9 anos de idade; xa ás 12:45h é a vez daquelas e aqueles cuxa idade está comprendida entre os 6 e os 7 anos; finalmente, ás 13:30, son os e as máis pequenas da casa, aquelas e aqueles entre os 3 e os 5 anos, os que gozan da auga.
Pola súa banda, o curso de iniciación ao piragüismo está contar cunha trintena de participantes na súa edición deste verán. Organizado polo Club Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, o curso está dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2003 e 2009. Durante o mes de xullo estase a impartir luns, mércores e venres, de 16:30h a 17:30 horas. En agosto, as aulas serán os mércores e os venres, tamén en horario de 16:30h a 17:30 horas. O curso remata o vindeiro 18 de agosto.




