Pestanas principais

Arredor dun 15% da poboación do Milladoiro está exposta ao ruído do tráfico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro

Sábado, 21 de xullo de 2018

[21-07-2018] O Concello de Ames vén de recibir os resultados dun estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro. Dito estudo recolle que arredor do 15% da poboación desta localidade amesá está exposta ao ruído do tráfico que soporta a avenida de Rosalía de Castro. Para o presente estudo consideráronse todos os edificios comprendidos en cada unha das seccións censais lindeiras coa estrada N-550 ao seu paso polo Concello de Ames. A través deste traballo trátase de dispor de estudos que detallen a repercusión que ten para a veciñanza de Ames o tránsito de máis de 30.000 vehículos diarios pola avenida de Rosalía de Castro. A corporación municipal e maila Plataforma veciñal N550 teñen solicitada unha xuntanza co Ministerio do Fomento para abordar a humanización deste núcleo urbano.

Para o presente estudo consideráronse todos os edificios comprendidos en cada unha das seccións censais lindeiras coa estrada N-550 ao seu paso polo Concello de Ames. Realizouse sobre o distrito número tres, dividido en seis seccións, no que residen preto de 12.000 persoas. Para a realización do estudo realizáronse ensaios de ruído e cálculos de vehículos durante os días 12 e 14 de xuño. Procedeuse a calcular tanto a Intensidade Media Diaria (IMD) como a Intensidade Media Horaria (IMH) nos diferentes períodos do día (día: de 07:00 a 19:00h; tarde: de 19:00 a 23:00h; e noite: de 23:00 a 07:00 horas).

Segundo os datos de Intensidade Media Diaria de tráfico (IMD) obtidos polo estudo de campo pasan 31.119 vehículos pola avenida de Rosalía de Catro. Estes datos son lixeiramente superiores aos facilitados polo Ministerio de Fomento que cifran en 27.060 o IMD. Así, para este estudo estableceuse un IMD de hipótese adoptada de 29.090 vehículos.

Doutra banda, observouse unha distribución do tráfico diferente en función do sentido de circulación. Por iso, simulouse a estrada considerando dobre eixo e asignando a cada un deles os seguintes datos de tráfico: IMD dirección Padrón de 14.545 vehículos (IMH día 812 vehículos; IMH tarde de 764 vehículos; e IMH de noite de 218 vehículos); e IMD dirección Santiago de 14.545 vehículos (IMH día 945 vehículos; IMH tarde de 618 vehículos; e IMH de noite de 91 vehículos). Estes son os datos de tráfico empregados para a simulación.

Obxectivos de Calidade fixados pola normativa vixente
A poboación exposta aos valores superiores aos Obxectivos de Calidade fixados pola normativa vixente para edificios residencias sería a poboación exposta a valores superiores a 65 dB(A) para os períodos de día, vespertino; e para valores superiores a 55 dB(A) para o período nocturno. Así durante o día, 776 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 857 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola tarde, 1.281 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 210 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola noite, 489 persoas están expostas a valores de 55 – 60 dB(A), 1.238 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 12 persoas a valores de 70 – 75 dB(A).

Trala realización de dito estudo, pódese observar que a poboación exposta a ruído nas seccións censais lindeiras coa estrada N-550 aproxímase ao 15%. Ademais, realizouse a análise de poboación exposta tras a completa eliminación do tráfico de vehículos pesados (de peso superior a 3,5 Tm) polo tramo de estrada obxecto de estudo, obténdose reducións de ao redor dun 11% nos períodos día e tarde e de tan só un 6 % en noite. Por último, realizouse unha análise das edificacións sensibles existentes na zona de estudo: capela de Madalena, centro de saúde, escola infantil As Figueiras (A Galiña Azul); escola infantil da Madalena, EEI Milladoiro e IES Milladoiro.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Arredor dun 15% da poboación do Milladoiro está exposta ao ruído do tráfico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro"