Pestanas principais

Arredor de dúas mil persoas desfrutaron da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024

Xoves, 16 de maio de 2024

O pasado 3 de maio pechábase a programación cultural de artes escénicas do primeiro semestre de 2024, deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. Este ano, estivo composto por doce espectáculos de teatro e danza tanto para público adulto, como infantil e familiar. As distintas pezas representáronse equitativamente nos auditorios das Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Asistiron un total de 1.877 persoas.

Un ano máis, o departamento de Cultura do Concello de Ames impulsou un novo programa de artes escénicas para o primeiro semestre do ano. A programación estivo conformada por un total de doce representacións, das que dez foron de teatro e dúas de danza, que se distribuíron de maneira equitativa entre os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro. As propostas abarcaron actuacións tanto para adultos como para público familiar. Ademais, incluíuse unha ampla oferta de xéneros, teatro de comedia, contemporáneo e drama, así como danza tradicional e contemporánea.

Desde o departamento destacan a fidelidade coa que o público asiste aos espectáculos, así como a súa valoración positiva dos mesmos. Pola súa parte o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García destaca a importancia das cifras que cualifica de “moi boas”. O edil reafirma a “aposta decidida pola cultura” do concello e recoñece que para el “non hai maior satisfacción que esta gran resposta do público”. Por último García indica que se seguirá traballado nesta liña, que fai que Ames sexa “un refuxio cultural”.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que detrás da maioría dos espectáculos estiveron compañías que, ademais de ser galegas, gardan relación directa co concello de Ames. Tamén sinalou que a ampla oferta deste primeiro semestre respondeu á vontade do departamento de buscar “calidade artística, pero tamén variedade de contidos”

O orzamento total investido ascende a 48.909 euros, dos cales 22.213,50 euros foron aportados polo Concello de Ames, e os 26.695,50 euros restantes, pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Estas programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. No que respecta á venda de entradas, ingresáronse un total de 6.114 euros.

Programación cultural para adultos
A programación orientada ao público adulto contou cun total de dez espectáculos. A oferta incluíu tanto danza como teatro de distintos xéneros e temáticas. Entre todos eles destacaron a comedia (“As R(H)umorosas” de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro, “Esas cousas maravillosas” e “Made in Galiza”) e o drama (“Hamelin” de Redrum Teatro, “Último verán en Santa Cristina” de Teatro Noroeste e “Unha inimiga do pobo” de Talía Teatro), con tres espectáculos de cada xénero, así como dúas obras de teatro contemporáneo (“Hellen Keller, a muller maravilla?” de Chévere e “Chola a It Girl” de Artesacia). Dentro da danza, ofertáronse dous espectáculos: un contemporáneo (“Sofá” de Marta Alonso) e outro de carácter máis tradicional (“Ceibe” da compañía de danza Fran Sieira).

Programación cultural para público infantil
No referente á programación dirixida a público infantil, estivo conformada por dous espectáculos: un espectáculo de monicreques combinado con teatro (“Solo” de Roi Borrallas), e unha comedia teatral (“Voa Voa” de Talía Teatro”).

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Cerca de 1.900 personas fueron a actividades de artes escénicas amienses este año"

Arredor de dúas mil persoas desfrutaron da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024

Multimedia

  • Arredor de dúas mil persoas desfrutaron da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024