[03-02-2017] O Concello de Ames e Let Pádel Ames colaboran para poñer en marcha unha nova iniciativa. Trátase da primeira edición do torneo de pádel Concello de Ames, que se disputará este sábado, 4 de febreiro, nas instalacións que ten esta entidade no lugar de Firmistáns, en Bugallido. Unha vez pechado o prazo de inscrición, hai arredor de 80 persoas inscritos (40 parellas), que estarán divididas en tres categorías diferentes: masculina, feminina e mixta. En cada unha das categorías haberá varios niveis de xogo.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “o obxectivo principal desta competición é achegar este deporte á cidadanía”. Ademais, Miñones, destacou que “se elixiron as instalación de Let Padel para desenvolver esta competición porque dispoñen de oito pistas e permiten albergar todos os partidos do torneo nunha soa xornada. Cómpre destacar a boa acollida que tivo esta iniciativa entre a veciñanza de Ames, xa que unhas 80 persoas inscribíronse neste torneo, o cal é un éxito debido a que nunha soa tarde é imposible albergar a máis de 40 parellas nunha competición deste tipo”.
Por outra banda, o xerente de Let Pádel Ames, Miguel Martínez de Orense explicou que “o torneo se disputará nunha soa xornada. Comezarase arredor das 15:00 horas da tarde e está previsto rematar sobre as 22:00 horas coa entrega de premios. Xa organizamos este tipo de torneos máis veces, pero é a primeira vez que contamos co respaldo e apoio do Concello, algo moi importante porque deste xeito queda reflectido que a Administración local aposta por este deporte. Ademais, contamos coa axuda do Concello para darlle unha maior difusión a este vento. A xornada rematará cuns petiscos para todos os participantes trala entrega de trofeos”.
Este torneo dispútase na modalidade masculina, feminina e mixta. Cada participante púidose inscribir nunha soa categoría (non se pode xogar masculino e mixto ou feminino e mixto porque é inviable acoller tantos partidos nunha soa tarde). Os participantes estarán divididos en grupos dependendo do seu nivel de xogo. Unha vez pechado o prazo de inscrición, hai arredor de 80 persoas inscritos (40 parellas), que estarán divididas en tres categorías diferentes: masculina, feminina e mixta. En cada unha das categorías haberá varios niveis de xogo.
As persoas inscritas neste torneo teñen garantido, como mínimo, xogar tres partidos dun set e disporán de bolas, auga, froita, cátering e seguro médico. Ademais, só por participar faráselle a cada participante un desconto na tenda de informática ZonaPC. Asemade, haberá un sorteo de ceas, comidas, dunha táblet, dun bolso artesán, dun curso de baile/pilates, e dun teléfono móbil. Cómpre destacar que o 90% dos patrocinadores deste torneo son establecementos de Ames.
O campión na categoría masculina e o participante masculino da categoría mixta levarán un trofeo, un bono de gasolina e unha equipación de Softee, mentres que a campioa da categoría feminina e a participante feminina da categoría mixta levarán un trofeo e un conxunto Naffta. Ademais, os finalistas (masculinos e femininos) serán obsequiados cun conxunto de produtos de perruquería ICON.