Pestanas principais

Arredor de 700 nenos/as participaron na clausura das escolas deportivas

Luns, 28 de maio de 2012

[28-05-2012] Este sábado pasado tivo lugar no pavillón polideportivo de Bertamiráns o acto de clausura das escolas deportivas. Arredor de 700 nenos e nenas realizaron exhibicións de baloncesto, tenis, tenis de mesa, patinaxe e predeporte. O público que asistiu a este acto puido gozar coa actuación do grupo Circonove. En total foron uns 800 cativos/as os que asistiron regularmente ás actividades deportivas dende o pasado mes de outubro. O acto de clausura pechouse coa entrega de trofeos e co sorteo de diversos agasallos. A empresa VV Xestión de Actividades SL é a encargada de impartir estas actividades deportivas ás que asisten preto de 1.400 persoas entre nenos e adultos.


Actividades para adultos

Por outra banda existen unha serie de actividades físicas dedicadas ás persoas adultas que tamén teñen unha gran demanda entre a cidadanía amiense. Deste xeito son moitos os veciños que acoden as clases de aeróbic; pilates; spinning, abdominais e glúteos; ou ximnasia de mantemento. A actividade máis demandada é a de pilates. Este adestramento físico e metal serve para corrixir problemas no lombo ou aprender a adoptar as posturas correctas e estirar adecuadamente os músculos.

É importante destacar que para facilitar a asistencia de todos os participantes hai grupos tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, pero ademais a actividade de pilates impártese na urbanización de Aldea Nova e a de ximnasia de mantemento nos lugares de Aldea Nova, Aguapesada, Ameixenda, Biduído, Tapia, Trasmonte e Covas.


A programación das escolas deportivas chegou ao seu fin. O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o sábado pasado dende as 16:30 horas o acto de clausura das escolas deportivas municipais. Arredor de 700 nenos e nenas que participaron neste programa realizaron varias exhibicións. O acto comezou coa presentación de todos os nenos e nenas que participaron neste evento. Trala presentación fóronse intercalando as exhibicións dos rapaces coa actuación do grupo Circonove. Realizáronse varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames. Así houbo exhibicións de baloncesto, tenis, tenis de mesa, patinaxe e predeporte. Por último, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, participou na entrega de diplomas. Ademais, houbo sorteo de agasallos e todos os participantes levaron unha camiseta de agasallo.

Nesta edición son arredor de 1.400 persoas as que acoden todas as semanas ás actividades das escolas deportivas. O servizo municipal das escolas deportivas atende a preto de 800 nenos e nenas. Pero este servizo non é exclusivo só para a mocidade senón que os adultos tamén dispoñen de varias actividades físicas que se imparten tanto nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural. A estas actividades acoden arredor de 600 usuarios/as. En total son 1.400 persoas as que se benefician deste servizo.

A oferta de actividades deportivas que ofrece o Concello de Ames caracterízase pola súa variedade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, os e as amantes do deporte poden escoller entre varias actividades: aeróbic; ximnasia de mantemento; baloncesto; fútbol sala; natación; predeporte; pilates; tenis de mesa; spinning, abdominais e glúteos; patinaxe; tenis e voleibol.

Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos/as que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo.