[07-08-2014] Dende o pasado 15 de xuño as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia están abertas ao público. Durante este primeiro mes e medio da época estival só as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro foron empregadas por 6.500 persoas. A este número de usuarios/as habería que sumarlle un gran número de persoas que se achegan ata a praia fluvial de Tapia. Entre o 15 de xuño e 31 de xullo accederon ás piscinas municipais, con entrada individual, unhas 4.500 persoas. Ademais, arredor de 2.000 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival.
A pesar de que este ano non estamos tendo un verán moi caloroso, dende o pasado 15 de xuño foron moitas as persoas que aproveitaron os días de sol e calor para acudir ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como a área recreativa de Tapia, co obxectivo de refrescarse. Estas instalacións convértense durante os meses de verán en lugares moi visitados por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia.
Neste momento atopámonos na metade da época estival, xa que pasaron quince días de xuño e todo o mes de xullo, pero aínda resta o mes de agosto e a primeira quincena de setembro. Durante a segunda quincena do mes de xuño e o mes de xullo accederon ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, con entrada individual, unhas 4.500 persoas. Ademais, arredor de 2.000 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival.
Este ano seguiu aumentando o número de expedición de carnés de socio respecto ao ano pasado. Deste xeito, en 2014 rexistráronse 2.000 peticións de carnés de socio, mentres que en 2.013 realizáronse 1.900 carnés. Este incremento é moi superior se o comparamos co verán de 2012, cando se tramitáronse arredor de 1.260 carnés. As piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, así como a praia fluvial de Tapia permanecerán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.
Este ano o Concello de Ames investiu 6.300 euros na posta a punto das instalacións das piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns, así como da área recreativa de Tapia. Antes da apertura destas instalacións houbo que revisar o sistema de fontanería das piscinas e acondicionar a zona de aparcamento da praia fluvial de Tapia, entre outros traballos. A este importe hai que engadirlle o custo do servizo de socorrismo que ascende á cantidade de 95.590 euros (por dúas tempadas). Polo tanto, o Concello de Ames investiu este ano nestas instalacións municipais un total de 101.890 euros.
Actividade de cardio dance
Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación e de iniciación ao piragüismo. Nas piscinas descubertas desenvólvense cursos de natación durante os meses de xullo e agosto. Este ano a principal novidade é a impartición dunha actividade de cardio dance nas piscinas municipais e na praia fluvial de Tapia.
Esta actividade de cardio dance impartirase ata o 11 de setembro. Na piscina descuberta do Milladoiro hai cardio dance os luns e mércores, de 11:00 a 12:00 horas, mentres que na piscina descuberta de Bertamiráns impártese os martes e xoves, no mesmo horario de 11:00 a 12:00 horas. Por outra banda, na praia fluvial de Tapia hai cardio dance os luns e mércores, entre as 17:00 e as 18:00 horas. Para participar non é preciso inscrición previa, tan só é necesario achegarse ata estes lugares e participar na clase.
Operativo de seguridade
Para garantir a seguridade dos usuarios/as destas instalacións, o Concello de Ames dotounas cun operativo de seguridade composto por 8 socorristas e 6 vixiantes. O servizo de vixilancia e socorrismo do Concello de Ames estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario é ininterrompido, pero hai diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia hai 4 socorristas. O horario de vixilancia, de luns a venres, é de 15:00 h a 21:00 horas, mentres que os sábados e domingos este servizo préstase en horario de 11:00 h a 21:00 horas.
Por outra banda, nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns hai dous socorristas en cada unha das piscinas. O horario de vixilancia é fixo de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.
Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenden as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas son as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolven as tarefas por quendas, polo que sempre hai unha persoa traballando para manter as instalacións.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames contabiliza 6.500 usuarios en xuño e xullo nas piscinas descubertas"




