Pestanas principais

Arredor de 60 persoas participaron na visita guiada nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade en San Pedro de Bugallido

Venres, 13 de xullo de 2018

[13-07-2018] O Colectivo A Rula e o Concello de Ames organizaron o pasado sábado, 7 de xullo, unha visita guiada nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade, situado no lugar de San Pedro de Bugallido. Nesta actividade participaron arredor de 60 persoas de todas as idades interesadas na arte rupestre e nas manifestacións culturais da nosa prehistoria. Ademais, tense previsto desenvolver outra visita das mesmas características á área arqueolóxica de Monte Castelo, situada no lugar de Ventosa, no mes de setembro.


O Concello de Ames e o Colectivo A Rula están colaborando para a organización dunha serie de visitas aos petróglifos existentes no termo municipal amesán. Deste xeito, a primeira visita realizouse o pasado sábado, 7 de xullo, ao petróglifo da Nave de Mourigade, situado na parroquia de San Pedro de Bugallido. Trátase dunha das estacións máis interesantes do concello debido a súa peculiar localización e á tipoloxía de gravados xeométricos adaptados á morfoloxía da laxe.

Nesta actividade participaron arredor de 60 persoas de todas as idades, tanto nenos/as coma adultos, interesadas na arte rupestre e nas manifestacións culturais da nosa prehistoria. A visita foi aproveitada para amosarlle aos visitantes un novo panel localizado polo Colectivo A Rula, aínda sen catalogar, e para explicar os diferentes paneis insculturados co apoio de iluminación artificial rasante que permitiu unha óptima visualización.

Ademais, o Concello de Ames e o Colectivo A Rula teñen previsto desenvolver outra visita das mesmas características á área arqueolóxica de Monte Castelo, situada no lugar de Ventosa, no mes de setembro. En xullo de 2016 xa se realizou unha visita a esta esta estación de arte rupestre. O colectivo A Rula foi o que redescubriu, en 2015, esta área rupestre que xa mencionara o arqueólogo Sobrino Lorenzo-Ruza, quen a visitou da man do ex-alcalde amesán durante a República Óscar Lojo-Batalla.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Os veciños de Ames interesados na visita nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade"