Pestanas principais

Arredor de 500 padexeiros participarán este domingo, 23 de agosto, na XXX edición do Descenso do Tambre

Venres, 21 de agosto de 2015

[21-08-2015] A praia fluvial de Tapia acolle este domingo, 23 de agosto, a XXX edición do descenso do Tambre. Arredor de 500 padexeiros e padexeiras de clubs de toda Galicia xuntaranse na tradicional baixada do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organizan esta competición que chega a súa trixésima edición. Por segundo ano consecutivo, a proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, realizarase ás 12:30 horas, mentres que a proba de circuíto na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete desenvolverase a partir das 16:00 horas na praia fluvial de Tapia. As embarcacións que poden participar nesta proba son K-1 e C-1.

O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van trinta, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Nesta proba participarán arredor de 500 padexeiros/as de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre.

Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 12:30 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames). No descenso do Tambre participarán padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, júnior e cadete), kaiak muller (sénior, júnior e cadete) e canoa home (sénior, júnior e cadete). Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A entrega de premios realizarase arredor das 14:00 horas.

Pola tarde, desenvolverase a segunda parte do evento. Entre as 16:00 horas e as 19:30 aproximadamente, realizarase a proba correspondente ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Para elo instalarase un circuíto dun quilómetro e medio na praia fluvial de Tapia. A entrega de premios realizarase arredor das 20:00 horas. Estas probas están encadradas dentro da Liga provincial da Coruña.

Participan clubs de toda Galicia
No descenso do Tambre hai inscritos uns 100 padexeiros/as, mentres que na proba de circuíto participarán uns 360 rapaces e rapazas. Como en edicións anteriores este ano serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo. No descenso do Tambre participarán padexeiros/as de 19 clubs de toda Galicia, mentres que na Regata provincial daranse cita 12 clubs da provincia da Coruña.

Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2015 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. A recollida de dorsais realizarase antes de cada proba nas instalacións da praia fluvial. Ao final da regata daráselle a cada participante unha bolsa con avituallamento.

Contido relacionado


"El Descenso do Tambre contará con la participación de medio millar de palistas"