Pestanas principais

Arredor de 500 nenos e nenas participaron no acto de clausura das Escolas deportivas municipais

Sábado, 31 de maio de 2014

[31-05-2014] O Concello de Ames puxo fin este venres, 30 de maio, ao programa de escolas deportivas que se desenvolveron dende o pasado mes de outubro. O acto de clausura desenvolveuse ente as 16:30 h e as 20:00 horas no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Os nenos e nenas que participaron neste programa deportivo desenvolveron varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso. Así, houbo exhibicións de patinaxe, aeróbic, predeporte, judo, ximnasia rítmica, ballet, baloncesto e tenis. A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, asistiron á festa de fin de curso das escolas deportivas.

Como todos os anos, a finais do mes de maio, o Concello de Ames celebrou o acto de clausura do programa das escolas deportivas. Este acto tivo lugar este venres, 30 de maio, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos.

Os nenos e nenas que participaron neste programa realizaron varias exhibicións. O acto de clausura comezou ás 16:30 horas coa presentación de todos os nenos e nenas que participaron neste evento. Trala presentación fóronse intercalando as exhibicións dos rapaces e rapazas. Realizáronse varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames.

Primeiro realizáronse as exhibicións dos catro grupos de patinaxe de Bertamiráns. De seguido, tocoulle a quenda aos rapaces e rapazas dos tres grupos de patinaxe do Milladoiro. Para rematar co patinaxe actuou o grupo de Barouta. A continuación, saíu á pista do pavillón de Bertamiráns o grupo de aeróbic de Barouta.

Despois realizaron a súa exhibición os rapaces e rapazas de predeporte e os usuarios/as da escola deportiva de judo. Tamén houbo exhibicións dos grupos de ximnasia rítmica e dos rapaces e rapazas que practican baloncesto e tenis. O acto de clausura rematou coa intervención das rapazas de ballet de Bertamiráns e do Milladoiro.

Durante este curso, as escolas deportivas municipais de Ames ofertaron tres novas actividades: judo, ballet e ximnasia rítmica coas que se incrementou a oferta deportiva destinada ás nenas. O programa das escolas deportivas e dos obradoiros incluíu 12 actividades deportivas; 4 actividades físicas para adultos; e 5 obradoiros culturais.

No apartado de escolas deportivas impartíronse as actividades de ballet, baloncesto, fútbol sala, fútbol sala feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, tenis de mesa, voleibol e ximnasia rítmica. No campo de actividade física para adultos, o programa incluíu ximnasia de mantemento; aeróbic; pilates; e spinning, abdominais e glúteos. Ademais, impartíronse cinco obradoiros culturais diferentes: bailes de salón; teatro; manualidades; xadrez; e baile e música tradicional.