Pestanas principais

Arredor de 50 rapaces participaron no concerto de Nadal da Escola Municipal de Música de Ames

Venres, 23 de decembro de 2016

[23-12-2016] Esta semana o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames realizou o xa tradicional concerto de Nadal. Este ano, como novidade, os pais e nais dos alumnos/as da EMMA, cantaron unha panxoliña co coro da escola. O concerto tivo lugar na Aula 10 do Centro de usos Múltiples de Aldea Nova. Ademais do coro, interviron no evento os alumnos e alumnas de guitarra e de linguaxe musical. O concerto de Nadal da Escola Municipal de Música enmárcase dentro do plan didáctico que inclúe actuacións periódicas encamiñadas a que o alumnado amose os seus avances e perda o medo a actuar en directo.


Arredor de 50 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música participaron no concerto de Nadal. O obxectivo é mostrarlle á familia, ás amizades e aos compañeiros e compañeiras o traballo que fixeron ao longo deste primeiro trimestre de curso.

Este ano dito concerto desenvolveuse na Aula 10 do Centro de usos Múltiples de Aldea Nova, para que lle fose máis doado asistir ao resto dos compañeiros e compañeiras da Escola. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “con este tipo de actuacións preténdese que os alumnos e alumnas superen os nervios e os medos que provoca unha actuación e directo e se acostumen a estar con naturalidade enriba dun escenario”.

O programa de actuacións recolle a interpretación de dúas panxoliñas, Todos xuntos imos a Belén e Hacia Belén va unha burra, a cargo dos alumnos e alumnas de dous cursos de linguaxe musical. O alumnado de guitarra interpretou Noite de Paz e os nenos e nenas do coro cantaron Los peces en el río e Paz na terra. Na primeira destas panxoliñas contaron con acompañamento de guitarra, e na segunda participaron algúns pais e nais que quixeron sumarse coas súas voces a esta celebración do Nadal.

Este concerto tivo unha gran afluencia de público. Moitos pais/nais e compañeiros/as dos rapaces e rapazas que actuaron, acudiron ata o Centro de usos múltiples de Aldea Nova para ver en directo esta actuación, que se enmarca dentro do plan didáctico que inclúe actuacións periódicas encamiñadas a que o alumnado amose os seus avances e perda o medo a actuar en directo.