Pestanas principais

Arredor de 50 persoas participaron na primeira Andaina Solidaria por Ames

Domingo, 27 de maio de 2012

[27-05-2012] A pesar do mal tempo e da choiva que caeu en Ames este domingo pola mañá, arredor de 50 persoas desafiaron as adversidades e animáronse a participar na I Andaina Solidaria por Ames. A través desta andaina, que estivo organizada polo Club de Atletismo Milla Raio e Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns en colaboración co Concello de Ames, recadáronse uns 150 euros que se destinarán a axudar ás persoas máis desfavorecidas do concello. Esta actividade comezou ás 10.00 horas e realizouse pola senda verde, pero tivo dous puntos de partida, Bertamiráns e O Milladoiro. As 50 persoas que participaron na andaina encontráronse no campo da festa de Bugallido, lugar onde descansaron un anaco e se realizou un sorteo de diferentes agasallos. Todos os participantes levaron un agasallo como recompensa por participar nesta actividade.


O Club de Atletismo Milla Raio e Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns, en colaboración coa Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, organizaron a I Andaina Solidaria por Ames que se desenvolveu este domingo 27 de maio pola mañá. Nesta actividade participaron membros do Club Milla Raio, o presidente de Cáritas Diocesana do Milladoiro e a presidenta de Cáritas Diocesana de Bertamiráns. Por parte do goberno municipal asistiron o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, a concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, Dolores Fernández, e o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey.

Esta actividade organizouse co obxectivo de recadar fondos para as persoas máis desfavorecidas do concello. Os fondos recadados entregáronselle a Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns. Todos os participantes fixeron un pequeno donativo de 3 euros. En total xuntáronse uns 150 euros que se destinaran a paliar as necesidades de aquelas persoa que non dispoñen de recursos. O diñeiro recadado axudará a comprar alimentos para estas persoas.

Esta andaina desenvolveuse pola senda verde, que une Bertamiráns e O Milladoiro a través de vellos camiños e novas pistas forestais, que percorren zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico. A saída realizouse arredor das 10:00 horas, pero establecéronse dous puntos de partida, unha na Praza do Concello, en Bertamiráns, e outro no parque infantil de Ventín, no Milladoiro. As persoas que saíron dende O Milladoiro andaron unha distancia de 14 quilómetros, mentres que os participantes que partiron dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, percorreron 12 quilómetros.

Os camiñantes encontráronse nun punto intermedio, no campo da festa de Bugallido. Neste lugar estableceuse un punto de avituallamento. Os participantes puideron repoñer forzas comendo e bebendo algo. Tamén houbo un sorteo de agasallos. Sorteáronse vales canxeables por un fin de semana nunha casa rural, tratamentos en Spa e balnearios, tratamentos faciais, circuítos termais, material deportivo... Todos os participantes levaron un agasallo como recompensa por participar nesta actividade. Posteriormente, os camiñantes volveron cara ao punto de partida.

O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, agradeceu a implicación do Club de atletismo Milla Raio do Milladoiro e de Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns por organizar esta actividade de forma conxunta co Concello de Ames. Ferreiro tamén quixo agradecer a participación dos veciños e veciñas de Ames e rematou dicindo “agardo que esta sexa a primeira de moitas andainas solidarias que se celebren en Ames durante os próximos anos”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Medio centenar de personas caminan para ayudar a Cáritas"