[08-05-2017] Este pasado sábado, 6 de maio, arredor de 50 persoas participaron na andaina que organizou o Concello de Ames e maila a asociación deportiva Rutasapie polo primeiro tramo do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. Os participantes saíron dende a praza do Obradoiro e remataron a súa andaina en Negreira completando a primeira etapa deste Camiño. Entre os participantes atopábanse os alcalde de Ames, José Miñones, e de Fisterra, José Marcote, así como a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica de Ames, Isabel González.
O Concello de Ames e a asociación deportiva Rutasapie veñen colaborando dende o 2016 na organización de diversas rutas e andainas por diferentes lugares de Galicia e de España. Nesta ocasión organizaron unha andaina polo Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía que se desenvolveu o pasado sábado 6 de maio. Arredor de 50 persoas participaron nesta andaina polo primeiro tramo deste Camiño, entre Santiago de Compostela e Negreira. A saída realizouse as 9:00 horas dende a praza do Obradoiro.
Unha vez finalizada a andaina, un autobús recolleu aos participantes para regresar a Santiago. Na metade do camiño houbo un punto de avituallamento e ao longo de todo o traxecto houbo un vehículo de apoio. A idea é seguir realizando as etapas restantes ata completar integrante o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. A segunda etapa, que sería de Negreira ata Olveiroa, ten unha distancia de 33,4 quilómetros. A data deste segunda andaina está pendente de confirmar. No momento que haxa unha data fixa será convenientemente informada para que todas as persoas interesadas se poidan inscribir.
A concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, destacou que “o balance desta primeira etapa do Camiño que discorre entre Santiago e Fisterra foi moi positivo. Todos os participantes quedaron moi satisfeitos e xa preguntaron por cando se vai a realizar a segunda etapa. De momento non hai unha data fixa, pero avisarase con tempo para que todas as persoas interesadas se poidan apuntar”.
Isabel González tamén lle agradeceu ao club Rutasapie o seu traballo na organización desta andaina, que se realizou xunto co Concello de Ames, e en todas as saídas que desenvolveron dende a súa creación. “A verdade é un orgullo para o Concello dispor dunha asociación que organiza tantas andainas ao longo de ano tanto por territorio galego como polo resto de España”.







